As axudas permiten a creación de viveiros e tamén levar a cabo actuacións de reforma ou de dotación de equipamentos e infraestruturas para optimizar a utilización dos xa existentes
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde, Amador Vázquez, visitou esta mañá o viveiro industrial de Vilamarín, un dos tres concellos da provincia beneficiarios, xunto co Carballiño e a Veiga, da nova liña de axudas da Xunta destinada á mellora de viveiros industriais nos parques empresariais galegos; que suman cinco municipios na totalidade de Galicia, con Bóveda e A Lama, por un importe total de 350.000€.
O delegado territorial destacou que a Xunta destinou desde 2016 máis de 5M€ para a creación e mellora de viveiros industriais nos parques empresariais de Galicia.
Manuel Pardo explicou que a través destas axudas, que na convocatoria deste ano 2024 estivo dotada con 1,5M€, o Goberno galego apoia a creación de novos viveiros e a mellora daqueles que xa están operativos en Galicia a través de actuacións de reforma ou de dotación de equipamentos e infraestruturas. Trátase de xerar as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e consolidación de empresas nas súas primeiras etapas.
Nova liña de axudas
O pasado mes de xaneiro, a Xunta convocou este paquete de axudas para a creación e mellora de viveiros nos parques empresariais galegos que como novidade incluía unha liña para optimizar a utilización dos viveiros que están operativos, de tal xeito que se apoia a súa mellora.
Ademais, introducíronse outras novidades como, por exemplo, a ampliación ata os 48 meses no período de acollemento dos negocios; ou a flexibilización dos requisitos de entrada coa posibilidade de incorporación doutras empresas non industriais que xustifiquen a súa relación dentro da cadea de valor dunha actividade industrial.
A intensidade da axuda na convocatoria foi do 80% do investimento elixible, cun máximo de 240.000€ no caso da creación de viveiros e de 75.000€ para a realización de melloras. Os beneficiarios poden recibir anticipos de ata un 25 % da axuda concedida.