O alcalde do Concello de Malpica cesa ó concelleiro, Alfredo Cañizo do goberno municipal, por ser unha fonte de problemas para o bo goberno da Vila

por Óscar de Souto

Alfredo Cañizo presentou a súa renuncia por rexistro antes de que o Alcalde o cesara das súas funcións. A semana pasada, a teor do problema xerado cos organizadores dos festexos da Vila, os membros do grupo municipal do PP, mantiveron unha xuntanza para tomar a decisión de apartar do Goberno Municipal a Alfredo Cañizo. O concelleiro de Festas presentou a renuncia, segundo manifestou Alfredo Cañizo, por rexistro antes de que fose cesado polo Alcalde.

Segundo recolle o comunicado da Alcaldía, nos vindeiros días se coñecera a distribución dos cargos do Goberno Municipal composto por seis concelleiros do PP. O resto dos grupos, da Corporación a conforman o PSOE, con catro concelleiros, dous o BNG, e a Alternativa de Independentes por Malpica, con un concelleiro, Alfredo Cañizo. ¿Porque o Alcalde mantivo no Goberno Municipal a Alfredo Cañizo? Os veciños de Malpica de Bergantiños non coñecen os motivos reais, si o mencionado concelleiro era unha fonte de problemas para o Concello. O Alcalde queda en minoría con seis concelleiros e sete a suma dos concelleiros da oposición.

Comunicado da Alcaldía :

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, cesou na mañá de hoxe das súas funcións a Alfredo Cañizo, ata o momento concelleiro delegado de Servizos, Mar, Turismo, Festexos e da Mostra da Olaría.

O rexedor mantivo unha reunión co edil na que lle trasladou a súa decisión, motivada tras as “continuas desavinzas que o concelleiro mantén con distintas entidades do municipio”, manifestou.

O primeiro edil explicou que o pacto de goberno co edil baseouse na necesidade de establecer un goberno estable para Malpica e, así, poder desenvolver un programa de goberno que permitira seguir avanzando no crecemento do municipio, como así se fixo coas numerosas actuacións que foron realizadas durante este último ano de mandado tras as eleccións municipais de maio de 2023.

Malia todo, como alcalde “non podo manter as funcións dun edil que nos últimos meses creou unha brecha moi importante con entidades representativas do municipio”, indicou Parga, que asegurou que “tratei ata o último momento de buscar unha vía de entendemento coas entidades, mais a día de hoxe entendo que non é factible”.

O primeiro edil asegurou que “por encima de todo están os intereses xerais de Malpica, de todos os veciños do municipio e, neste caso, das entidades e distintos sectores económicos do concello que, de forma altruísta, sacando tempo, moitas veces, de onde non hai, traballan na organización de actividades en beneficio de todo o municipio”.

Por esta razón, o alcalde indicou que tomou a decisión de cesar nas súas funcións a Alfredo Cañizo, “a miña obrigación é escoitar aos veciños e buscar solucións aos problemas que me trasladan. Hai liñas que non se poden cruzar e eu, como alcalde, que ten o deber de representar a cada un dos veciños, independentemente da súa ideoloxía ou afinidade política, teño que defender os intereses xerais e entendo que isto é o mellor para o municipio”.

Baixo esta premisa “temos que buscar solucións. Non vale de nada o conflito permanente, senón buscar como arranxar os problemas, o diálogo e o respecto ás entidades e aos demais. Aquí hai unha falta de entendemento con colectivos moi importantes de Malpica que, lamentablemente, non podo permitir que continúe. E así llo trasladei ao concelleiro”.

Parga agradeceu a Cañizo “a súa colaboración durante este tempo” e lamentou “que se crearan situacións de carácter irreconciliable que están distanciando ao Concello de diferentes entidades que son fundamentais na vida social de Malpica e que eu, como alcalde, non podo deixar pasar por alto”.

O goberno local seguirá traballando e tratando de desenvolver moitos dos proxectos “que xa temos en marcha e outros que virán para este mandato, e espero contar co apoio maioritario da corporación local para iso”.

Nos próximos días, o alcalde dará a coñecer a redistribución das áreas de goberno, aínda que apuntou que levará “de forma persoal as relacións con esas entidades e colectivos. Os seus obxectivos teñen que ser os nosos e nese camiño temos que atoparnos”.

a

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario