A Universidade da Coruña acaba de facer pleno na convocatoria da Xunta de Galicia para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, dentro da categoría C, a de persoal investigador con traxectoria excelente.
As nove candidaturas que se presentaron á convocatoria desta axuda obtiveron financiamento, o cal supuxo un total de 835.000 euros en subvencións.
O CICA é o centro de investigación que concentra o maior número de receptores destes fondos. Así, son Roberto Javier Brea Fernández, AlejandroCriado Fernández, Vanessa Álvarez López, e Aurora Rodríguez Rodríguez, do CICA e a Facultade de Ciencias, os investigadores adscritos a este centro.
Da Facultade de Ciencias tamén é Pablo Pita Orduna. O resto de persoal investigador que recibiu as axudas foron Saúl Beceiro Novo, do CITENI; Silvia Martínez Ferreiro, da Facultade de Ciencias da Sáude; Cristina Fernández Bessa, da Facultade de Dereito; e Pablo Guindos Bretones, da ETSAC.
Liñas de investigación
Roberto J. Brea Fernández é doutor en Química Orgánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade colidera o grupo de investigación Bioinspired Nanochemistry (BioNanoChem) no CICA, centrado no desenvolvemento de novas ferramentas para controlar a composición e organización molecular, xerar nanomateriais funcionais e modular procesos biolóxicos relevantes.
Brea Fernández recibiu a axuda da Xunta de Galicia para levar a cabo un proxecto de investigación que se centra no desenvolvemento de estratexias químicas innovadoras para a fabricación de células sintéticas funcionais. Devandito proxecto brindará un maior entendemento sobre a natureza dos sistemas vivos, ofrecerá novos coñecementos sobre a orixe da vida celular, servirá como base para a construción de transportadores selectivos de axentes bioactivos e achegará novos chasis artificiais para bioloxía sintética.
Alejandro Criado Fernández doutorouse en Química Orgánica en 2013 na Universidade de Santiago de Compostela. De 2013 a 2020, realizou unha investigación postdoutoral na Universidade de Trieste e no centro de investigación CICbiomaGUNE. En 2021 iniciou a súa carreira investigadora independente como Investigador Distinguido no CICA, codirixindo o grupo NanoSelf. Actualmente é investigador Ramón y Cajal no Departamento de Química da UDC.
O proxecto ITERING, para o cal recibiu os fondos, céntrase no desenvolvemento dunha nova metodoloxía para fabricar nanotiras de grafeno(GNRs); que son estruturas alongadas con potencial para revolucionar campos como a electrónica e a optoelectrónica. Estas nanotiras teñen propiedades únicas que dependen da súa estrutura química. O obxectivo do proxecto é mellorar a precisión na síntese de GNRs mediante unha estratexia innovadora,chamada «síntese iterativa”, similar á utilizada para a síntese de péptidos, permitindo controlar a secuencia da súa estrutura. Este método simplifica o proceso de fabricación e permite automatizar a produción, o que podería facela máis eficiente e reproducible o cal representa un paso importante cara á creación de dispositivos electrónicos avanzados.
Vanessa Álvarez López é licenciada e doutora en Bioloxía. En 2016incorporouse como investigadora posdoutoral na Université de Bourgogne-Franche-Comté (Francia) e en 2019 voltou a Galicia para incorporarse aoGrupo de Produción Vexetal da Escola Politécnica de Lugo (EPSE-USC) cunha axuda posdoutoral Juan de la Cierva. Xa en 2023 incorporase ao CICA cun contrato de Investigación da Axencia Estatal de Investigación, Ramón y Cajal e a súa investigación realizarase dentro do grupo de investigación AQUATERRA.
A súa principal liña de traballo está sendo o estudo do estado funcional do solo mediante estimadores biolóxicos, baixo distintos manexos agrícolas. O habitual destes estudos é a avaliación dos parámetros químicos e biolóxicos nos primeiros 30 cm do solo (capa arable), pero este proxecto ten unha visión máis ambiciosa, na que se avaliará o estado funcional dos solos en profundidade (ata 90 cm), co que se pretende descifrar o impacto en profundidade do manexo agrícola e o tipo de cultivo no solo. Outra parte importante do proxecto é a caracterización das propiedades biolóxicas nos distintos tamaños de agregado do solo, o cal permitirá afondar no coñecemento das conexións entre a física e a bioloxía do solo, pouco coñecidas ata o momento, aínda que xogan un importante papel na súa funcionalidade.
Aurora Rodríguez Rodríguez é doutora en Química Inorgánica pola Universidade da Coruña. Traballou como investigadora posdoutoral na Université de Bretagne Occidentale (Francia) e no MGH/HST Martinos Centerfor Biomedical Imaging/ Harvard Medical School (Estados Unidos).
Desde o ano 2018, desenvolve a súa actividade no CICA, dentro do Grupo Reactividade Química e Fotorreactividade (REACT!), na actualidade como investigadora contratada no programa Ramón y Cajal. Así mesmo, imparte docencia na Facultade de Ciencias da UDC.
O proxecto para o que recibiu a axuda da Xunta de Galicia leva o título “Complexos de Metais de Transición para a Detección e Seguimento Non Invasivos da Osteoartrite”.
Pablo Pita Orduna é doutor en Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión e en Bioloxía Mariña e Acuicultura. Traballou en varias Áreas Mariñas Protexidas en todo o mundo, incluíndo o proceso de creación de dúas Áreas Mariñas Protexidas de Galicia, Os Miñarzos e Cedeira. Na actualidade imparte docencia na Área de Zooloxía da UDC.
O seu traballo como investigador contribúe á xestión integrada dos sistemas socioecolóxicos mariños en todo o mundo mediante a xestión pesqueira sostible e a mellora da conservación da biodiversidade mariña.
O proxecto ChatMPA, para o que recibiu a subvención, ten unha duración de cinco anos (2024-2028), e constitúe unha iniciativa innovadora destinada a transformar a xestión das Áreas Mariñas Protexidas (AMPs), con especial atención á AMP dos Miñarzos (Carnota). Este proxecto establecerá un novo marco operativo que non só prima a conservación da biodiversidade e dos hábitats, senón que promove unha distribución equitativa dos beneficios derivados da súa conservación.
Saúl Beceiro Novo, é doutor en Física Nuclear pola USC en 2011. Incorporouse á Michigan State University nos Estados Unidos como investigador postdoutoral durante 3 anos e ao rematar este período acadou un posto de profesor na mesma universidade, onde estivo ata incorporarse á UDC cun contrato Ramon y Cajal en 2022.
Coa súa incorporación ao CITENI do Campus Industrial de Ferrol está aplicando os seus coñecementos para o desenvolvemento e construción de detectores de radiación. Neste proxecto da Xunta a idea é acoplar este tipo de detectores a sistemas de drons, tanto aéreos como acuáticos, para estudiar os efectos da radiación e as súas implicacións en distintitos medios.
Silvia Martínez Ferreiro incorporouse ao Departamento de Psicoloxía da UDC como investigadora Ramón y Cajal en maio do 2022, logo dunha ampla traxectoria en diversas universidades nacionais e internacionais. Na actualidade, ademais de centrarse no desenvolvemento do proxecto individual “Primary and Secondary language pathologies: theoretical and clinical aspects”, participa en iniciativas internacionais no Reino Unido e Francia.
Neste novo proxecto concedido pola Xunta de Galicia a investigadora centrarase na identificación de marcadores lingüísticos relevantes para o diagnóstico precoz da deterioración da linguaxe en persoas non institucionalizadas de máis de 50 anos con e sen dano cognitivo. O proxecto persegue estudar os patróns comunicativos de falantes de galego e español eas estratexias de compensación implementadas, para detectar cambios que poidan indicar os primeiros estadios de procesos patolóxicos subxacentes,como a deterioración cognitiva leve ou a demencia.
Cristina Fernández Bessa é doutora en Dereito pola Universidade de Barcelona e membro do Grupo de Investigación Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI (ECRIM) da UDC. Desde 2023 é investigadora Ramón y Cajal da Área de Dereito Penal, onde imparte clases edesenvolve a súa liña de investigación sobre transformacións do control migratorio, a seguridade e o control policial. Anteriormente foi investigadora Juan de la Cierva e profesora na Universitat Pompeu Fabra, Univeristat de Barcelona e UOC. Realizou estancias de investigación en Estados Unidos, os Países Baixos, Polonia, Italia e Arxentina.
O proxecto de excelencia financiado pola Xunta de Galicia pretende analizar a regulación da convivencia no espazo público e o seu impacto no goberno da seguridade urbana das cidades medias, é decir, aquelas que teñen entre 100.000 e 350.000 habitantes. Para iso vaise a realizar un estudo comparativo sobre a aplicación da normativa desde unha perspectiva socio-xurídica en 14 cidades medias seleccionadas (entre elas, A Coruña) e vanse facer propostas de mellora da súa eficacia.
Pablo Guindos Bretones é doutor pola Universidade de Santiago de Compostela, e especialista no deseño estrutural e construción de estruturas de madeira.
Actualmente é investigador Ramón y Cajal na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC, no Grupo de Estruturas Arquitectónicas.
Así mesmo, traballa en Chile como investigador do Centro Nacional de Excelencia para a Industria da Madeira (CENAMAD) e o Centro UC de Innovación con Madeira CIM-UC CORMA, ademais de como profesor asociado de Enxeñaría Civil na Pontificia Universidade Católica.
Máis de 8 millóns de euros en dúas convocatorias
Estas axudas englóbanse dentro da captación de máis de 8 millóns de euros que acaban de conseguir os centros e unidades de investigación da UDC para proxectos de investigación e transferencia e de xeración de coñecemento e consolidación de estruturas, procedente de dúas convocatorias dirixidas a este tipo de actividade: a de consolidación e estruturación de unidades deinvestigación competitivas da Xunta de Galicia, nas súas tres modalidades – GRC, GPC e persoal investigador con traxectoria excelente- e a dirixida a proxectos de xeración do coñecemento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.