O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na presentación do IV Open Internacional de Galicia de Pitch&Putt, torneo de golf que se celebrará en Santiago de Compostela desde o venres ata o domingo, co apoio da Xunta. No acto, puxo en valor a capacidade deste tipo de competicións como xeradoras de fluxos turísticos, con potencialidade para atraer diferentes perfís de visitantes ao territorio galego, interesados na práctica e desfrute da actividade deportiva.
Merelles destacou que torneos como o promovido nas instalacións do Compostela Golf non só dinamizan turisticamente unha cidade, senón que incentivan a economía local e posicionan Galicia como “enclave e escaparate perfecto” para a práctica deportiva. O apoio de Turismo de Galicia a este Open Internacional permite establecer “alianzas con novas disciplinas deportivas” e así xerar propostas diferenciadoras para turistas e, tamén, para residentes.
Neste sentido, destacou o constante respaldo a diferentes competicións, torneos e probas de diferentes modalidades deportivas en todo o territorio da comunidade por parte de Turismo de Galicia. “Moitas [destas competicións] levan ligadas ao seu nome os termos do Camiño de Santiago ou do Xacobeo porque deste xeito unimos deporte e turismo” e “axudamos a consolidar as nosas marcas máis salientables en termos turísticos, asociándoas aos valores do deporte e favorecendo a chegada de visitantes”, apostilou.
O IV Open Internacional de Galicia de Pitch&Putt celebrarase nas instalacións do Compostela Golf, un campo de 18 buratos que “complementa a oferta deportiva e turística da cidade de Santiago”. “Complexos coma este, perfectamente integrados no rural santiagués, evidencian que se pode compatibilizar a actividade turística, que xera economía e riqueza, cos valores do noso territorio”, engadiu.