A Vicepresidencia da Deputación renova o patrocinio co CD Lugo para a vindeira tempada

por Redacción Deportes

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro e o presidente do CD Lugo Tino Saqués presentaron este mércores o contrato de patrocinio entre o club lucense e a institución provincial de cara á vindeira tempada, que comeza esta fin de semana, cun importe de 396.000€.

O contrato mantén os acordos de anteriores tempadas nas que, ademais da imaxe institucional nas equipacións, inclúense actividades de promoción do deporte en centros escolares e equipos base, dar visibilidade a asociacións e entidades sociais da provincia e a promoción do uso do galego dirixido aos lucenses.

Castro destacou a importancia deste acordo que “cun obxectivo común co club e os seareiras e seareiros para conseguir voltar á segunda división, coa dificultade que iso ten. Por esta razón decidimos aumentar o patrocinio e dar un forte impulso para seguir medrando xuntos”. Ademais engadiu que se trata dun acordo que apoia a todos os niveis do club “tamén á canteira e ao equipo da Liga Genuine, que é un exemplo para avanzar na integración”.

Efrén Castro desexou ao todo o CD moita sorte e forza para a tempada que comeza e animou á veciñanza a achegarse a desfrutar do deporte no Anxo Carro e de todos os equipos, tanto masculinos como femininos, dende as categorías base.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario