Antonio Ameijide e Elena Candia, voceiros do Grupo Provincial e do Grupo Municipal do Partido Popular respectivamente, valoraron os resultados das solicitudes do segundo PERTE da auga na capital e na provincia
O Concello de Lugo obtivo a peor nota (32 puntos) de todas as solicitudes realizadas por entidades municipais na provincia (presentáronse 11 municipios): “Presentaron o mesmo proxecto que hai un ano e pensaban que ían a conseguir un resultado mellor?”.
Elena Candia afirma que o ciclo da auga “non é unha prioridade” para o goberno local xa que o Concello de Lugo ten a brigada municipal totalmente desmantelada e cunha rede carente de investimento dende hai anos con fugas incontroladas: “por responsabilidade teñen que dar explicacións a todos os lucenses”.
O segundo fracaso de PSOE e BNG no Concello de Lugo débese a que non contaron nin cos técnicos municipais especialistas na materia nin coa empresa que xestiona o ciclo da auga para realizar o proxecto, optaron por contratar a unha empresa de fóra, cobrando 20.570€ en dous contratos menores, para presentar unha documentación que nin superou o corte.
Os outros 10 municipios da provincia que se presentaron a esta segunda convocatoria (Burela, Vilalba, Abadín, Pastoriza, Pol, Xove, Antas de Ulla, Monforte, Ribas de Sil e Trabada) viron como os seus proxectos se aprobaron pero están en lista de agarda por falta de fondos.
A Deputación de Lugo, ao igual que na primeira convocatoria do PERTE, negouse a liderar proxectos para os concellos da provincia como tampouco deu apoio a ningún dos 11 municipios lucenses que optaron a estas axudas: “Como era de agardar, o PSOE e o BNG na Deputación de Lugo nin están nin se lles espera”.
Ameijide insiste na necesidade de crear un Plan Provincial de apoio aos concellos para a xestión do ciclo da auga xa que o abastecemento de auga é un dos problemas aos que se teñen que enfrontar todos os municipios, sendo competencia da Deputación cooperar cos concellos para garantir os servizos de competencia exclusiva municipal.
O voceiro provincial popular recorda como as dúas Deputacións de Galicia gobernadas polo PP lideraron proxectos para municipios das súas provincias. No caso de Ourense obtiveron fondos para 79 concellos na primeira convocatoria, mentres que Pontevedra liderou un proxecto de máis de 8M€, aprobado no actual PERTE, pero que se atopa en lista de agarda por falta de fondos europeos.
A realidade demostra que a Deputación de Lugo “nin está nin se lle agarda” xa que á fronte dela están un PSOE e un BNG “totalmente preocupados por axudar aos seus afíns que de traballar para dar servizos de calidade a todos os lucenses”.
Antonio Ameijide destaca que 24 Deputacións de España lideraron proxectos de captación de fondos neste segundo PERTE mentres PSOE e BNG na Deputación de Lugo non fixeron nin unha solicitude e votaron contra todas as iniciativas do PP para buscar solucións ao ciclo da auga.
Hai 5 proxectos de Deputacións con fondos asignados (Burgos, Alicante, Álava, Valladolid e Málaga) por valor de 38.436.334€ e outros 15 proxectos aprobados, por importe de 101.121.870€, e á espera dunha posible ampliación de fondos ou renuncias.
Tanto Elena Candia como Antonio Ameijide recordan a petición realizada en outubro do ano pasado para que Concello e Deputación de Lugo tiveran máis coordinación e traballo para non perder máis fondos europeos para a provincia.