O concerto, de entrada libre, comezará ás 21.00 horas
Tras tres intensas semanas cunha ampla e variada oferta musical, a Orquestra Xoven da Sinfónica de Galicia pechará os recitais da Semana Clásica e as actuacións musicais da praza de María Pita, dentro da programación das Festas de María Pita 2024. O Goberno de Inés Rey deseñou un programa para todo tipo de públicos e idades, pasando da música máis actual aos grandes clásicos.
Nesta ocasión, este xoves 22 a partir das 21.00 horas, a Orquestra Xoven da Sinfónica de Galicia contará coa actuación especial de Diana Navarro e baixo a dirección de Julio Awad. Diana Navarro é unha cantante, compositora e actriz malagueña, unha das grandes voces da música andaluza, con nove discos, catros Discos de Ouro e unha candidatura ao Grammy Latino.
O repertorio será o seguinte: «24 Rosas», «Adiós», «Campanera», «Desnuda vengo a ti», «El perdón», «Eres tú», «Los niños no», «Mare mía», «Menegilda», «Mira lo que te has perdido», «No te olvides de mí», «Ojos verdes», «Olivia Ovidia», «Sola» e «Tarántula». O concerto será de entrada gratuíta.
Con esta actuación concluirá a Semana Clásica, unha das seccións máis tradicionais das Festas de María Pita, que reúne cada ano ás principais orquestras e formacións de música clásica e contemporánea na praza de María Pita. Nesta edición, cada formación ofreceu un concerto especial: a Orquestra Sinfónica de Galicia e o seu Coro interpretaron a Novena de Beethoven, a Banda Municipal de Música da Coruña ofreceu o espectáculo ‘A noite das cancións extraordinarias’, a Orquestra GAOS actuou con Abraham Cupeiro e a Orquestra de Cámara Galega fíxoo coa pianista Elisa D’Auria.