O sábado 24 e o domingo 25, de 11:30 a 00:30h e 21:30h respectivamente, poderase visitar o ‘Mercado Deputación da Coruña’, que contará coa súa propia programación de actividades, zona de descanso e realización de obradoiros
A Deputación da Coruña volverá contar cun espazo propio noemblemático Festival da Luz (Boimorto), onde instalará o ‘Mercado Deputación da Coruña’, no que a entidade provincial promocionará, durante os días 24 e 25 de agosto, os produtos locais de gastronomía e de artesanía, e onde haberá tamén unha zona para showcookings e un escenario propio onde se desenvolverán diferentes actividades lúdicas e culturais para todos os públicos.
Mercado da Deputación da Coruña
O sábado 24 de 11:30h a 00:30h e o domingo 25 de 11:30h a 21:30h poderase visitar, no Festival da Luz, o ‘Mercado’ da Deputación, no que participan preto dunha trintena de produtores locais agroalimentarios e de artesanía. Os produtores agroalimentarios son A Conserveira; Bonilla a la vista; Casa da Avoa; Cafés Lúa; Galmesán; O forno de Guísamo; Pandejuevo e Raizame.
Pola súa banda, os artesáns participantes son Rocigarcía; Jorge Eiroa García; O Carabel Ecocestos; Susana Anta; A Castrexa; Silvereira; Jatafarta; D Rositas; Devalo; Ferraxe de prata; Comeluz Artista; Longa vida Handmade; Noga Arts; Vacatola; Moira; Deixa! Crecións; Carmela mola; Amor ó teu; Pepiña medias longas; Regos e María Viqueira.
Showcookings
Dentro do mercado haberá tamén un espazo para os showcookings ó cargo do chef de Espazo Abella (Santiago de Compostela), André Arzúa, que ofrecerá dous pases cada día: ás 13h e ás 17h o sábado, e ás 13h e 15h o domingo. O sábado cociñará ceviche de rodaballo e allo branco con virutas de picaña curada, e o domingo ceviche de linguado e tartar de tomates darredor con aromáticas e caviar cítrico.
Escenario da Deputación da Coruña
Ademais, a entidade provincial contará cun escenario propio con actividades para todos os públicos. O sábado haberá un concerto punkinfantil de Peter Punk e Brais das Hortas; un monólogo de Víctor Grande e as actuacións de Gin TONI’s; Ruxe Ruxe e DJ Nyan Boy. E, o domingo, as actuacións da banda infantil Suzikiños “Let’s Folk” e de Teatro Urdidme, que interpretará ‘Muiñada’, e os concertos de Capital Voscov, Caamaño&Ameixeiras e Ortiga.
A Deputación exhibe así, no escaparate que representa o Festival da Luz, o traballo de diferentes produtores e produtoras agroalimentarios e artesáns e artesás da provincia: un obxectivo que se plasma na súa campaña turística e gastronómica “A provincia que sabe”, presente en múltiples feiras e eventos. E, ao mesmo tempo, colabora con este evento de referencia, promovendo actividades culturais para todos os públicos.