O grupo municipal socialista de Arteixo preguntará no vindeiro pleno polos cambios nos tempos de alugueiro de BICIARTEIXO.
Os socialistas queren saber os motivos para ter reducido a dúas horas diarias as prestacións do abono do servizo municipal de alugueiro de bicicletas desde o 1 de agosto sen previo aviso.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, explica que desde a posta en marcha do servizo municipal de alugueiro de bicicletas en Arteixo, as persoas que pagaban o abono dispoñían de 2 horas gratuítas continuadas por cada alugueiro, “despois deste período temporal debían deixar a bicicleta e podíase alugar outra bicicleta posteriormente”.
Pero Seco denuncia que “sen previo aviso, o goberno do concello cambiou unilateralmente as condicións do servizo ao reducir os tempos de alugueiro nun máximo de dúas horas ao día que se poden utilizar nunha ou varias viaxes”.
O voceiro socialista sinala que as persoas usuarias que contrataron e pagaron por este sistema de alugueiro “están a mostrar o seu malestar porque estes tempos non figuraban no contrato que asinaron” e moitos dos que utilizaban este sistema non poden desprazarse a lugares máis afastados do punto inicial onde recollen a bicicleta ao non poder cumprir cos tempos establecidos actualmente.
Según Seco, “o goberno municipal debe dar explicacións” sobre os motivos para reducir as prestacións do abono do servizo municipal de alugueiro de bicicletas. Os socialistas demandan saber se hai suficientes bicicletas dispoñibles no servizo e porque non se poden realizar outro tipo de cambios, como establecer un tempo máximo por cada alugueiro e non o tempo máximo diario.