Rubén Arroxo: “O estudo da conexión ferroviaria entre Lugo e Compostela é unha boa noticia, pero continuamos cun importante atraso nas conexións ferroviarias”

por Redacción Lugo

O portavoz do BNG afirmou que «o goberno do Estado debe planificar mellor as inversións na rede ferroviaria, agardamos que o atraso da apertura da vía entre Lugo e Ourense non se acompañe con novas eliminacións de servizos».

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, destacou como «unha boa nova» que o goberno do Estado licite un estudo previo para analizar a conexión ferroviaria entre Lugo e Compostela. Arroxo afirmou que «un só deputado do BNG en Madrid conseguiu que se puxeran en marcha as melloras das infraestruturas que son necesarias desde hai anos, como este estudo que levaba tempo sendo reclamado pola veciñanza de Lugo e que o BNG conseguiu como parte do acordo de investidura en Madrid».

Arroxo reclamou ao Goberno do Estado que «xunto coas melloras nas infraestructuras se retome o servizo das liñas eliminadas nos últimos anos». Arroxo lembrou que Lugo continúa con menos servizos que antes do
inicio da pandemia, cando se eliminaron conexións como o tren nocturno de Lugo a Barcelona. No tocante ás conexións dentro de Galiza, ademais de ser a única cidade que non ten conexión directa por tren coa
capital do país, nos últimos meses elimináronse conexións «e as liñas que funcionan acumulan retrasos habitualmente, o que fai que a veciñanza non aposte polo tren nos seus desprazamentos», afirmou
Arroxo, que lembrou que o BNG fixo unha viaxe entre Lugo e A Coruña en ferrocarril que tivo unha duración de máis de 2 horas «nun traxecto que en coche se fai en 50 minutos».

Para o BNG, Galiza sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE en materia ferroviaria, o que se traduce nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos. Arroxo afirmou que a chegada do AVE a Galiza, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada nun primeiro momento polo goberno do Estado, «só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario