Os socialistas de Arteixo denuncian a precariedade nas infraestruturas e a falla de mantemento dos espazos públicos do concello

por 21 Noticias

Moitos dos parques e áreas de lecer non están dotados de baños públicos, fontes de auga potable, espacios de sombra ou alumeado.

O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha pregunta no vindeiro pleno para saber se o grupo de goberno popular ten previsto algún tipo de actuación para dotar de baños, sombras, fontes, iluminación nos espazos públicos e parques do concello.

O portavoz dos socialistas arteixáns, Martín Seco, explica que “de nada serve inaugurar novos espazos públicos se non contan coas infrrestruturas necesarias e cun mantemento axeitado” porque en Arteixo vemos como os espazos de lecer existentes e os de nova construción “teñen un deficiente estado de conservación e sen os servizos necesarios” para a veciñanza.

Seco pon como exemplo a inexistencia de baños ou algunha fonte en todo o parque de Monticaño; a “tan solicitada” existencia de baños no paseo fluvial de Arteixo; a falla de fontes de auga potable no Parque do Seixedo e no novo parque na Travesía de Meicende; a falla de sombras, nin alumeado, nin fontes no parque infantil que está situado no outro lado da pasarela do parque do Seixedo; o parque infantil do centro médico de Vilarrodís “sen sombra e sen fontes”; ou o espazo sen ningún tipo de infraestrutura e utilidade na rúa dos Baños.

Para Seco, “é importante dotar a Arteixo de espazos públicos de lecer, pero deben ser espazos cos servizos e o mantemento axeitados para o desfrute da ciudadanía”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario