Máis de 700 centros integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia empregan a xestión dixital baseada nun sistema de código aberto.
Máis de 600.000 obxectos dixitais, entre os que se atopan todo tipo de documentos e publicacións, así como máis de 9 millóns de fotografías, poden ser consultados na Biblioteca Dixital de Galicia Galiciana. Ademais, un total de 40 arquivos municipais teñen acceso ao sistema de xestión de documentos no marco do proxecto de Patrimonio Dixital de Galicia. Estes datos forman parte do balance de evolución da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
O informe tamén destaca a evolución con novas funcionalidades do sistema de xestión de recursos do Patrimonio Cultural de Galicia XERPA, que conta xa con cerca de 50.000 bens rexistrados. Esta plataforma integra a xestión de información, a tramitación administrativa e a localización do Censo do Patrimonio Cultural de Galicia, o Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e a relación de bens de interese cultural.
Por outra banda, a Xunta dotou á plataforma da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia cun sistema de xestión compartido baseado no programa de código aberto de Koha. Na actualidade son xa máis de 700 bibliotecas as que están integradas no sistema, case o dobre das que había en 2021.
A Xunta mantén tamén activa a plataforma de colaboración Galicia Nomeada, que se encarga de manter a memoria dos nomes de lugares. Na actualidade, a plataforma conta con máis de 3.600 persoas usuarias, que fixeron xa case 80.000 aportacións.
O balance da EGD2030 destaca tamén o impulso da presenza do galego na contorna tecnolóxica a través de iniciativas como Proxecto Nós, Stellae 5.0, ou o desenvolvemento dunha versión impulsada por IA do tradutor automático Gaio.