O Día Mundial do Videoxogo fala galego cun novo programa en Agalega.gal

por Redacción Galicia

Este xoves 29 é a estrea de Xogando en galego, o programa que repasa algúns dos videoxogos que se poden atopar en lingua galega.

Os videoxogos en galego existen e así chega para demostralo “Xogando en galego”, o novo programa para a plataforma dixital da CRTVG, Agalega.gal, que chega neste 29 de agosto, Día Mundial do Videoxogo. 

​Esta produción de Recuncho Gamer presentada por Ángela Triana e Jon Amil fai un repaso por cinco videoxogos en galego que se poden atopar actualmente no mercado.

Todo isto en microcapítulos de 2 minutos presentados por avatares animados e cun ton desenfadado. O programa abrangue aventuras gráficas de corte pixelado como Yuppie Psycho, matamarcianos con inimigos que parecen sacados dunha ría galega como Fullblast, crebacabezas coloridos como Magic Twins, ou xogos de velocidade; ben sexa en coches veloces como os do Super Woden GP 2, ou ben en carrilanas por Esteiro adiante como no Gran Prix Turbotalina.

Recuncho Gamer é unha canle divulgativa en galego sobre videoxogos que este ano foi recoñecida con galardóns como os premios Youtubeiras ou os Mil Primaveras da CTNL polo seu traballo de normalización lingüística no eido dos videoxogos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario