O Goberno galego destina 3M€ a unha convocatoria dirixida a estudantes con titulacións universitarias de grao superior, que agora poderán formarse en diferentes destinos mundiais mellorando a súa empregabilidade.
A Xunta de Galicia ten en marcha unha nova convocatoria do programa de bolseiros de internacionalización, que permitirá a contratación de medio cento de mozos e mozas galegos que poderán adquirir competencias profesionais en mercados exteriores na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial galego.
Desta volta, a iniciativa, impulsada a través do Igape pola Consellería de Economía e Industria, recibiu preto dun centenar de solicitudes. Pero para facerse coa bolsa, os candidatos deberán de superar un proceso selectivo consistente nunha proba de idiomas (para aqueles que non achegaron previamente o correspondente certificado) e unha entrevista persoal.
O Igape destina máis de 3 millóns de euros a este programa cuxo obxectivo pasa por fortalecer a especialización en comercio exterior facilitando a contratación destas persoas, menores de 35 anos, con titulación universitaria superior, que adquirirán formación práctica en internacionalización que se poderá levar a cabo no estranxeiro e ou en Galicia, en entidades e organismos oficiais relacionados coa internacionalización empresarial. A duración da bolsa establécese nun máximo de 11 meses coa posibilidade de prorrogala por igual período de tempo.
Os países nos que o persoal seleccionado completará a súa formación no estranxeiro inclúen novos mercados internacionais, algúns deles de interese estratéxico para o tecido empresarial galego. Así, os bolseiros terán como posibles destinos, entre outros, Bogotá, Casablanca, Chicago, Dubai, Dusseldorf, Johannesburgo, Kuala Lumpur, Lima, México, Miami, Montevideo, Oslo, Ottawa, Roma, Seúl, Singapur ou Toquio.
A iniciativa contribúe así á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.
A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.
Este programa facilitou desde a súa posta en marcha a capacitación de 450 novos titulados galegos, que se especializaron en comercio exterior mentres colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia desde mercados tan dispares como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabes, entre moitos outros.
A iniciativa inclúese na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2021 – 2025 que está a promover a Xunta para contribuír ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que durante o ano pasado acadaron rexistros históricos en exportacións, ao superar a barreira dos 30.000 millóns, e que este ano están a mellorar estes datos durante os primeiros seis meses do ano.
Neste sentido, no primeiro semestre de 2024 as empresas galegas suman vendas no exterior por riba dos 15.500 millóns de euros, unha cifra que supón un incremento do 3,5% con respecto ao mesmo período dese histórico 2023.