Alimagro converte esta fin de semana a Xinzo de Limia no escaparate do sector agrario nacional

por 21 Noticias

A V edición de Alimagro volverá ser o escaparate do sector agrario en Xinzo de Limia (Ourense), do 31 de agosto ao 1 de setembro, cunha exposición de maquinaria; a Feira da Pataca, que inclúe a segunda Xornada Técnica dedicada ao cultivo, e a Feira do Comercio. Esta feira, organizada polo Concello de Xinzo de Limia coa colaboración da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida da Pataca de Galicia, o Inorde e Coren, sitúase entre as dez maiores feiras do sector a nivel nacional.

O programa da feira

Durante os tres días que dura a feira, os asistentes poderán gozar dun nutrido programa de actividades dentro do recinto feiral, como showcookings patrocinados pola Escola de Cociña Fariña Branca e a compañía Patatas Meléndez, degustacións, o Concurso de Patacas Fritas Devorajalys ou os tradicionais concertos de gaitas. Como prato forte, destaca a elaboración na tarde do sábado da tortilla de patacas xigante, que pretende bater de novo o récord e que se elaborará con 1.500 ovos e máis de 300 kg de pataca. Os asistentes á feira poderán degustar a maxestuosa tortilla a partir das 19:00 h.

Diferentes espazos

A feira, que se converteu nun evento de referencia nacional, divídese en varios espazos: a exposición de maquinaria rodeará o Parque do Toural e estenderase ao longo da avenida do Dous de Maio. Dez compañías mostrarán unha representación das principais marcas de maquinaria. Así mesmo, a carpa que acollerá a Feira da Pataca contará con 15 stands. A cita conta cun espazo moi importante dedicado á innovación vinculada á maquinaria agrícola. O visitante poderá coñecer todas as novidades en relación cos tractores e a maquinaria empregada nos principais cultivos da comarca e de Galicia, desde a pataca ao viñedo. Estarán presentes todas as grandes marcas que operan no mercado, o que reforza a condición de Alimagro como referente agrario do noroeste peninsular.

II Xornada Técnica da Pataca

Nese mesmo sentido, destaca a segunda edición da Xornada Técnica da Pataca, que terá lugar na mañá do venres no stand institucional da carpa e que permitirá aos asistentes analizar os principais retos que ten o cultivo. Profesionais nacionais de primeiro nivel debaterán sobre a sementa da pataca: claves do éxito; sanidade vexetal: un reto para o cultivo da pataca, e os mercados e tendencias no sector da pataca.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario