O PP esixe explicacións ao Goberno Sánchez por unha nova exclusión do corredor atlántico noroeste do financiamento europeo

por Redacción Lugo

Reclaman apoios económicos extraordinarios para que Lugo e Galicia non queden illadas dos grandes nodos loxísticos do transporte de mercadorías.

Un ano máis, por segunda ocasión consecutiva, o Goberno de España perde o apoio de Bruxelas e non contará con financiamento comunitario para executar as obras do corredor atlántico noroeste, unha rede que prevé conectar o territorio dos distintos países europeos co obxecto de favorecer o transporte de mercadorías por ferrocarril.

Esta é a razón que leva aos senadores populares –José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- a preguntar, a través de varias iniciativas na Cámara Alta, polas razóns desta nova exclusión e a pedir que o Goberno de España aclare se presentou a candidatura do corredor atlántico noroeste entre os proxectos susceptibles de recibir fondos europeos.

Os populares reclaman tamén que o Goberno de España, unha vez confirmada a perda destes recursos, realice as xestións oportunas para conseguir apoios extraordinarios para que Lugo e Galicia non queden illadas dos grandes nodos loxísticos do transporte de mercadorías.

NON É PRIORITARIO PARA SÁNCHEZ

Os senadores lembran tamén que esta non é primeira vez que o corredor atlántico queda excluído dos plans do Goberno de España e do financiamento europeo. En 2023 ademais de quedar fóra do financiamento europeo, isto é, do programa “Conectar Europa” tamén foi excluído do mapa deseñado para a posta en marcha do órgano xestor da futura rede ferroviaria europea de mercadorías. 

Ademais, como contraste, o outro gran proxecto español de conexión ferroviaria, o corredor Mediterráneo, ten recibido 165M€ nos últimos dous anos, 130M€ segundo a última resolución, o que vén a confirmar que o Goberno de España non dá a prioridade que merece á nosa rede de transporte e que é incapaz de garantir condicións de igualdade -de oportunidades, investimentos e avances- entre ambos proxectos

“Por razóns que descoñecemos, o Executivo que preside Pedro Sánchez non quere incorporar á liña ferroviaria que une Lugo e Galicia co resto de Europa dentro dos plans estatais para o desenvolvemento das autoestradas ferroviarias e dos grandes nodos loxísticos de tren”.- conclúe desde o PP.

FRONTE COMÚN GALICIA, ASTURIAS E CASTELA E LEÓN

Desde o Grupo Popular sempre defenderon o carácter estratéxico e a urxencia de impulsar o corredor atlántico. Concíbeno como unha rede prioritaria para todo o noroeste peninsular. Esa é a razón pola que reiteran as demandas vixentes en relación co desenvolvemento desta infraestrutura estratéxica, incluído os compromisos que nunha acción coordinada e conxunta as comunidades autónomas de Galicia, Asturias e Castela León teñen identificados como prioritarios. 

“Debemos reclamar un esforzo extraordinario para contar cun plan de investimentos plurianuais asegurados e coñecer con detalle o calendario de execución, que debe ser realista, realizable e, sobre todo, cumprirse para impulsar a modernización da rede ferroviaria galega e lucense sen máis atrasos e incumprimentos”.

LUGO, A GRAN PREXUDICADA

Outras das dúbidas que persisten e sobre as que os senadores populares preguntan ao Goberno é a posibilidade de que Lugo a súa provincia forme parte da rede de conexións do corredor atlántico noroeste. O Goberno de Mariano Rajoy logrou que o ramal Ferrol – A Coruña – Lugo – Monforte – Ourense se incorporase ao corredor atlántico, pero o feito de que esta infraestrutura de transporte quede fóra do financiamento europeo tamén inflúe á provincia de Lugo xa que logo é unha perda de oportunidades e investimentos para mellorar a rede ferroviaria lucense.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario