Os xestores culturais advertían en días pasados que o auditorio non estaba posto a punto para a súa apertura, «información que o goberno local non desmentiu», polo que os populares esixen información clara e que «o bipartito desbloquee a situación para poñer en marcha estas instalacións en óptimas condicións».
O Partido Popular anuncia a realización dunha serie de actividades coas que pretende «convencer ao goberno local bipartito para a apertura do Auditorio de Magoi» atendendo a «unha reivindicación social e cultural» e unha vez finalizadas as obras de reparación das patoloxías do edificio despois de máis de 4 anos e 2 meses dende que o bipartito dispón das chaves desta infraestrutura que mantivo pechada todo este tempo deteriorándose co paso dos días sen uso.
· En pasados días escoitábamos a través dos medios de comunicación que os xestores culturais advertían que o auditorio non estaba posto a punto para a súa apertura, «información que o goberno local non desmentiu. Antes contaban mentiras e daban escusas e agora xa nin escusas poñen», subliñan.
· Os concelleiros do PP esixen información clara e que «o bipartito desbloquee a situación para poñer en marcha estas instalacións ofrecendo o servizo, que xa se debería estar prestando en Lugo dende fai moito tempo, en óptimas condicións».
· Os populares consideran «inaceptable» que o Auditorio de Magoi no que a Xunta investiu máis de 20 M€ continúe pechado polo goberno municipal «despois de moitos anuncios, escusas e contradicións».
· Dende o Grupo Municipal Popular condenan a «pasividade» do bipartito que impide aos lucenses e artistas -que recentemente tamén impulsaron unha campaña reivindicando a súa apertura- dispoñer desta infraestrutura cultural na cidade de Lugo.
· Os concelleiros do PP lembran que «pasaron máis de 4 anos dende que a actual alcaldesa, Paula Alvarellos, firmase a formalización da acta de recepción do Auditorio de Magoi, pero nada se sabe da data de apertura nin se o bipartito prevé unha xestión pública ou non, á vista do carácter privatizador no que están inmersos».
· O Grupo Municipal Popular anunciaba recentemente que levará unha nova iniciativa ao pleno do Concello para solicitar a apertura do novo centro cultural – auditorio da Cidade de Lugo.