O PSdeG reclámalle á Xunta máis apoio ao Pantín Classic e que se sume ao proxecto do centro de alto rendemento do surf

por 21 Noticias

Os socialistas de Galicia veñen de reclamarlle á Xunta unha maior implicación co surf, un deporte olímpico que está a consolidar o seu amplo crecemento en Galicia e que conta en Valdoviño coa proba máis importante de España, o Pantín Classic Pro, integrada no calendario da World Surf League e no do Mundial de Surf Adaptado.

A deputada Paloma Castro explicou que Valdoviño acolle campionatos internacionais dende 1988, cun Pantín Classic consolidado hoxe como referente a nivel mundial e, ademais, como sede do campionato nacional dende hai sete anos, éxitos que “son resultado de moito traballo da veciñanza e especialmente da xente do surf, pero sen contar cun verdadeiro apoio institucional por parte da Xunta de Galicia, ou, cando menos, á altura do que a competición merece”.

Así, a parlamentaria socialista detallou que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes “permanece á marxe do evento”, e a única achega da Administración autonómica provén da Axencia Galega de Turismo en forma de asignación para fins publicitarios. “Entendemos que é insuficiente para un evento que constitúe un factor de dinamización de toda a comarca e pon a Galicia no mapa”, dixo Castro.

Á marxe da repercusión deportiva, a deputada do PSdeG destacou tamén o impacto do Pantín Classic a nivel turístico, xa que “atrae a centos de persoas de todo o mundo e xera actividade económica a través da hostalería, o comercio e os aloxamentos”.

A importancia do evento, que se desenvolve nun territorio con condicións óptimas para a práctica do surf, representa un potente reclamo que atrae a milleiros de afeccionados a Valdoviño e a toda a comarca de Ferrolterra, polo que “o Goberno da Xunta debería sumarse ao proxecto iniciado polo Concello e a Federación Galega de Surf, e iniciar os trámites para a creación dun centro de alto rendemento”, defendeu Paloma Castro.

Trátase dunha iniciativa á que o propio secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, brindou o seu apoio xa o pasado febreiro durante unha visita á localidade, cando destacou a necesidade dunha estratexia para promover e poñer en valor a actividade deportiva a través da creación de novos espazos de formación en deporte e de outras infraestruturas deportivas que tamén teñan un uso turístico.

Ao mesmo tempo, a deputada socialista esixiu que o Goberno de Rueda “se implique máis coa Pantín Classic Pro e incremente a colaboración coa celebración dese evento”, unha demanda que Castro acaba de formalizar a través dunha iniciativa parlamentaria que rexistrou esta mesma semana e na que inclúe a petición de que a Xunta contemple nos seus Orzamentos de 2025 unha partida da Secretaría Xeral para o Deporte para apoiar a competición.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario