Inclúense o derrube de dúas edificacións destinadas a escola de piragüismo e locais de oficina e a urbanización das zonas onde actualmente están as edificacións
A Xunta de Galicia vén de abrir o proceso de licitación do proxecto para a rehabilitación integral da Estación Marítima no peirao de pasaxeiros de Vilagarcía de Arousa de cara a crear un centro de recepción de peregrinos náuticos da Ruta Traslatio cun investimento de máis de 822.000€ no marco do Plan Xacobeo Next Generation con fondos europeos.
En concreto, esta actuación inclúese no proxecto de revalorización da Ruta Traslatio, que, neste caso, suporá a demolición de dúas edificacións nas que agora mesmo non se realiza ningunha actividade pero que estaban destinadas a escola de piragüismo e locais de oficina, respectivamente.
Tamén comprende a rehabilitación integral da estación marítima do peirao de pasaxeiros do Porto de Vilagarcía de Arousa, incluíndo unha planta baixa con espazo para tenda, aseos, salón de usos múltiples, almacén, sala de caldeiras, entre outras. O proxecto tamén inclúe a urbanización das zonas onde actualmente se sitúan as edificacións a demoler e unha zona aberta lindeira á estación marítima.
Ata o 20 de setembro
Para a posta en marcha deste centro de recepción de peregrinos náuticos, a Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa puxo a disposición todos os terreos necesarios para a execución das obras e agora Turismo de Galicia abriu este proceso de licitación para que as empresas poidan presentar as súas propostas ata o 20 de setembro.
A acción enmárcase no Plan Xacobeo Next Generation que inclúe distintas actuacións, entre as que se atopan o proxecto de integración de valorización da Ruta Traslatio con distintas actuacións en clubs náuticos da ruta fluvial.