A voceira Mercé Barrientos sinala que “a pesares de que se están a pagar facturas de importes inxentes a empresas externas, a veciñanza segue denunciando contedores pegados ás ventás das casas”
O BNG de Muxía vén de criticar o elevado custo e a falta de mantemento na xestión do lixo por parte do Concello, destacando que as arcas municipais teñen que soportar un gasto de 178.000 euros neste concepto no que vai de ano, dos que a meirande parte débense á externalización do servizo de recollida, e calculando que cando remate o ano a factura pode superar os 250.000 euros.
“É unha cifra non asumible para un concello do tamaño de Muxía”, destacaron os nacionalistas, que xa hai tempo denunciaran que varios camións municipais de recollida de lixo se atopaban inmobilizados en talleres sen que se procedera á súa reparación, mentres se estaban a pagar facturas por este servizo a empresas externas.
O BNG sinalou que acaban de recibir a información sobre os custos que se están a abonar por prestar pola xestión externalizada. Deste xeito, puxeron exemplos de diversos importes de facturas, como a correspondente a xaneiro, cunha suma de 16.186 euros; a de febreiro supera os 14.900 euros ; a de marzo acada os 15.500 euros; mentres que a do mes de xullo ascendeu aos 16.800 euros.
A formación nacionalista tamén denunciou o desleixo no mantemento e limpeza dos colectores de lixo, así como súa colocación en lugares inapropiados e a insuficiente frecuencia na recollida. A voceira do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, afirmou que “hai un ano o alcalde, Santiago Toba, anunciou que se faría un plan para mellorar estes aspectos, pero a día de hoxe nada se sabe ao respecto”.
Barrientos subliñou que “a pesares de que se están a pagar facturas de importes inxentes a empresas externas, mentres os camións municipais seguen inmobilizados, a veciñanza segue denunciando contedores pegados ás ventás das casas, outros rompidos e vertendo lixiviados na rúa e algúns sen tapa ou tan cheos que non se poden pechar atufando durante todo o día rúas, vivendas e terrazas”.