A Plataforma “Vendaval Costa da Morte” mais a Plataforma “Salvemos a Ruña” convocaron unha reunión informativa na Casa da Escola, no lugar da Curra en Mazaricos, para toda a veciñanza afectada polo proxecto da “Estación de bombeo reversible” (Figueira, Curra, Xinzo, Cabanude, Nuveira, Arcos, Enxilde, Xián, A Granda, Furiño, Ribeiratorta…).
Os grupos ecoloxistas consideran un éxito a (reunión) debido á cantidade de persoas que acudiron.
Tras a reunión, conclúen que a xente non estaba informada do proxecto e, aínda así, respondeu moi ben xa que moitos dos asistentes asinaron alegacións e unha gran parte levounas para as súas casas para compartilas coa familia.
Ademais de informar a veciñanza das consecuencias negativas deste proxecto, comentaron que as 2 plataformas estarán estas próximas semanas en todas as feiras da contorna para informar e recoller máis alegacións. O prazo remata o 12 de setembro.
Os grupos ecoloxistas convidaron os alcaldes e as alcaldesas dos 5 municipios que conforman a Mancomunidade de Fisterra (Fisterra, Corcubión, Cee, Muxía e Dumbría) e tamén aos dos concellos de Carnota e Muros para un encontro e explicarlles o que sucederá no Monte da Ruña, as consecuencias sobre o territorio e como afectará ao abastecemento de augas.