A campaña Toponimízate chega este venres ao centro xeográfico de Galicia

por Redacción Lugo

O coordinador da unidade técnica de toponimia impartirá o 6 de setembro, ás 19:30 horas, unha charla en Antas de Ulla na que o público aprenderá como participar na recolleita de nomes de camiños, leiras, fontes e outros microtopónimos empregando a aplicación Galicia Nomeada.

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega este venres, 6 de setembro, a Antas de Ulla. O coordinador da unidade técnica de toponimia de Real Academia Galega, Vicente Feijoo, impartirá a partir das 19:30 horas unha charla na Antiga Casa Cuartel (avenida de Palas de Rei, 1) na que o público aprenderá a empregar Galicia Nomeada. A aplicación permítelles aosveciños e veciñas de calquera lugar do país rexistrar e xeorreferenciar cun teléfono móbilnomes de leiras, montes, camiños e outros microtopónimos tradicionais que corren o risco de se perder.

A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, e a investigadora e docente Andrea Santiso, autora do volume Toponimia de Antas de Ulla, editado pola RAG dentro dacolección Terra Nomeada, participarán na presentación da sesión que terá lugar no concello no que se sitúa o centro xeográfico de Galicia. 

Toponimízate é unha iniciativa coordinada pola Real Academia Galega co apoio da Secretaría Xeral da Lingua. Desta volta visitará Antas de Ulla con dous obxectivos ben precisos: concienciar a poboación seoanesa da importancia de salvagardar a microtoponimia do municipio –os nomes montes, regueiros, fontes ou penedos– e involucrar a veciñanza na súa recolleita a través de Galicia Nomeada. Cómpre ter en conta que nunha superficie de algo máis de 103 quilómetros cadrados coa que conta este concello, soamente se introduciron unhas ducias de microtopónimos no visor desta ferramenta dixital. Ademais de xeorreferenciar todos estes nomes, a aplicación permite, entre outras funcións, subir imaxes e arquivos de son coa fonética ou con lendas asociadas.

Durante a charla o público coñecerá ademais a orixe e o significado dos principais topónimos do concello lugués. A obra Toponimia de Antas de Ulla e a propia Andrea Santiso serán as fontes principais desta sección onde se falará de nomes como Fareloou Facha, dous lugares que puideron formar parte dun antigo sistema de comunicación a través de fachos ou lumes acendidos e servirían para enviar sinais a longa distancia.

1

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario