O BNG pregunta no Parlamento Galego pola protección da contorna da igrexa de Santa María e da Torre de Celas en Culleredo ante as obras da AC-400

por Redacción A Coruña

A deputada nacionalista Iria Taibo solicita explicacións sobre a protección destes dous elementos protexidos ante as obras que se están a levar a cabo na súa contorna.

A deputada nacionalista rexistrou, ante a preocupación veciñal, varias iniciativas interesándose pola protección da contorna da igrexa de Santa María de Celas e da Torre de Celas, no concello de Culleredo. Neste momento, estanse a levar a cabo obras próximas a estes dous elementos patrimoniais, e existe unha certa preocupación da veciñanza en relación coa protección dos mesmos.
As obras que se están a realizar son responsabilidade da Xunta de Galiza, que debería contar con todos os informes oportunos e tomar as medidas necesarias para a protección do patrimonio. A propia contorna deste conxunto foi deseñada baixo directrices, normas e limitacións marcadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que procuran a súa posta en valor e que deben ser respectadas pola intervención que agora a propia Xunta de Galiza está a levar a cabo.
A igrexa de Santa María de Celas, cuxa fachada principal é románica, e viviu unha gran restauración no século XVIII, figura no catálogo do Plan Básico Autonómico da Xunta de Galiza, polo que o grupo nacionalista considera que é imprescindíbel protexer calquera elemento ante posíbeis afectacións derivadas destas obras.
O Bloque Nacionalista Galego tamén se interesará por esta cuestión no próximo Pleno do Concello de Culleredo

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario