51. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu

Son os violadores de Gisèle, alomenos os que teñen nome e apelidos para a xustiza francesa que os senta no banco dos acusados despois de aceptar o ofrecemento do propio home da vítima, que os convidaba a desfrutar dos «servizos sexuais» dunha muller «sumisa e sonámbula». Durou case unha década e son incontables os abusos e as violacións de homes entre 26 e 74 anos, pero o que si se sabe con certeza é o que deixaron ao seu paso: estrés postraumático e catro enfermidades de transmisión sexual nunha Gisèle que quixo un xuízo público para que todas vexamos un horror polo que ningunha deberiamos pasar.

Uns días antes, nun programa de televisión vespertino, unha activista feminista explicaba que hai un potencial violador en cada home, aínda que non todos os homes son violadores. A primeira resposta que escoitou foi a dun home chamándolle lerda, ofendido na súa ignorancia de non entender o que dicía Julia Salander, que só constataba unha realidade que prácticamente todas as mulleres sofren nalgún momento: a do medo. Medo a ir soa de noite, a que che poñan algo na bebida, a que non fagan caso cando dis que non…Iso só o padecen as mulleres. De todos os que foron convidados a violar a Gisèle, uns poucos rexeitaron ao enfrontar a súa situación de inconsciencia total, pero ningún denunciou, nin sequera anónimamente, o que alí acontecía. Outros, pola contra, repetían. Hai tantos xeitos de ser abusadas que moitas mulleres non son sequera conscientes de selo, porque ás veces son as súas parellas, ou un amigo, alguén cercano quen se aproveita e impide que o vexamos como unha agresión sexual. Gisèle definía ao seu marido coma unha parella cariñosa e «un gran tipo’. O mesmo que propiciou que a violaran en máis de noventa  ocasións na súa propia cama. Son 51…Pero en realidade, incontables. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario