Na parroquia de San Vicenzo de Elviña haberá actuacións musicais, churrascada e animación para todos os públicos
O Concello da Coruña segue a promover neste mes de setembro diferentes celebracións nos barrios da cidade. Tras as festas de Eirís, O Castrillón, Sagrada Familia e Novo Mesoiro, esta fin de semana chega a quenda da parroquia de San Vicenzo de Elviña, que engloba os núcleos de Elviña e Castro de Elviña, e do Barrio das Flores. O Goberno de Inés Rey prosegue coa súa política de expandir as festas da Coruña a todos os barrios da man das asociacións veciñais.
No Barrio das Flores a programación comezará o venres 6 co pregón a cargo de Jaime Patiño, veciño do barrio e «un exemplo de superación», como indica a organización, a cargo da Plataforma Veciñal do Barrio das Flores. Será ás 20.00 horas na praza do Sol Nacente. A continuación haberá unha sardiñada popular e a partir das 20.30 horas actuará María Cristina. Ás 23.30 horas será a quenda dunha discoteca móbil. Tamén o venres, ás 20.30 horas, terá lugar a velada de boxeo Ludus Box no Polideportivo do Barrio das Flores.
O sábado 7 terá lugar a primeira edición do festival Urban Bloom, un novo festival de música urbana que comezará ás 13.00 horas e contará coas actuacións ao longo do día de diferentes formacións emerxentes. Actuarán El Corta, Batalla de Escritas, Aum Reggae, L-Stress, Radi Rosenov, DJ Zuñú, Kir4, Ricki Hombre Libre, BJ Blankata e Mister G. Ademais, as festas do Barrio das Flores tamén contarán cun partido de fútbol entre os Veteráns do Barrio e Greenpeace ás 14.00 horas e a Copa da Coruña de Chave a partir das 17.00 horas.
O domingo 8 a programación comezará ás 11.00 horas cunha alborada de gaiteiros e a apertura do Mercado das Flores, con máis de corenta postos de artesanía e segunda man. Ás 12.00 horas haberá unha sesión de zumba na rúa e ás 13.00 horas comezará o IV Concurso da Mellor Tortilla do Barrio. A sesión vermú comezará ás 14.00 horas e estará amenizada por Ángel Montoya. Á mesma hora celebrarase a festa dos callos e, a partir das 16.00 horas, collerán o testemuño musical José Brea e Miguelón. Ás 18.00 horas terá lugar un espectáculo infantil e as festas finalizarán ás 19.30 horas coa actuación de De Barrio e a clausura do Mercado das Flores.
Por outra banda, na parroquia de San Vicenzo de Elviña as festas serán o sábado 7 e o domingo 8 e terán lugar na pista deportiva da rúa Rebandas. O sábado as actividades comezarán ás 13.00 horas co pregón a cargo de Luís Rodríguez Presedo ‘Feixoi’, membro de Los Satélites. Ás 13.30 horas actuará Lidia Sueiro e ás 15.00 horas haberá unha churrascada popular. Pola tarde, a partir das 17.00 horas haberá inchables para nenos e nenas, ás 19.00 horas actuará un grupo de música de arraigo e xa pola noite, a partir das 21.00 horas, terán lugar as actuacións de Lucía Aldao-Pava e Pablo Balseiro.
O domingo 8 a sesión vermú estará amenizada por O Corta a partir das 14.00 horas. Ás 17.00 horas actuará Peter Punk e ás 18.30 horas pechará a xornada o Grupo de Musicoterapia.