O BNG acada que a Comisión de Peticións da Eurocámara debata as denuncias contra Altri o vindeiro 3 de outubro

por Redacción Galicia

Na Comisión de Peticións da Eurocámara, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acadou -a través do grupo parlamentar no que se integra o Bloque- que a Comisión de Peticións debata as diferentes denuncias contra a macrocelulosa Altri na vindeira sesión do 3 de outubro. Segundo subliñou, será a oportunidade de dicir de novo en Bruxelas Altri Non, tal e como fixeron os colectivos afectados nun encontro con representantes da Comisión Europea celebrado o pasado mes de abril e organizado por Ana Miranda.

“Como eurodeputada galega inicio este curso europeo cunha moi boa nova para Galiza que é que acabamos de conseguir que as demandas das plataformas contra Altri sexan tratadas por procedemento de urxencia o vindeiro 3 de outubro no Parlamento Europeo”, salientou Ana Miranda tras a reunión na que se decidiu a inclusión deste tema na orde do día.

Ana Miranda leva meses denunciando as vulneracións medioambientais do proxecto que impulsa o PP en Palas de Rei, en tanto que Altri pretende verter auga no río Ulla e no encoro de Portomouros. Segundo a eurodeputada do BNG tamén existe o risco de vulneración da Rede Natura e de destrución de zonas de especial protección nas que existen especies endémicas. Neste sentido, a eurodeputada galega xa presentou diversas preguntas parlamentares sobre os incumprimentos medioambientais, pero tamén sobre o posible incumprimento da normativa europea no financiamento do proxecto con fondos Next Generation  

Comisión de Pesca

Por outro lado, e tal e como Miranda xa anunciara, na primeira Comisión de Pesca da Eurocámara (que se celebrou hoxe), a eurodeputada do BNG defendeu o dereito das mariscadoras a cobrar as axudas correspondentes pola paralización temporal da súa actividade e denunciou a falta de apoio por parte da Comisión Europea e dalgún goberno, como o galego. 

Na súa intervención, a eurodeputada do Bloque destacou a pesca e o marisqueo galegos como exemplo dun sector sostible e salientou a necesidade de que haxa un comisario específico de Pesca. “Para que haxa pesca é necesario que ter augas limpas e evitar proxectos contrarios ao medio ambiente como Altri, proxecto ao que espero que a Comisión Europea non conceda fondos europeos”, manifestou a eurodeputada galega, xa que a súa instalación tería consecuencias nefastas tanto para o medio ambiente como para o sector marisqueiro.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario