O Concello da Coruña amplía a súa oferta de emprego público con dúas novas convocatorias que inclúen 24 prazas de administrativo e subalterno

por Redacción A Coruña

Entre os meses de agosto e setembro, o Goberno de Inés Rey ten previsto convocar case medio cento de prazas para dar continuidade á mellora nos servizos municipais.

O Concello da Coruña aprobará nos vindeiros días a convocatoria dun proceso selectivo para a cobertura de 13 prazas de administrativo, por quenda libre. As prazas correspóndense ao subgrupo C1 da escala de Administración xeral, subescala administrativa, e do total ofertado hai dúas reservadas especificamente á quenda de persoas con discapacidade.

As bases publicaranse nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na páxina web do Concello da Coruña. Unha vez que estean dispoñibles, abrirase un prazo de presentación de solicitudes de 20 días hábiles, a contar a partir do día seguinte da publicación do anuncio do extracto da convocatoria no BOE.

«Desta forma, o Goberno de Inés Rey continúa apostando pola creación pública de emprego, dando prioridade as áreas municipais que prestan servizos esenciais», indicou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage.

Ademais, 11 prazas de subalterno

A maiores, o Concello tamén abrirá o proceso selectivo para a cobertura de 11 prazas de subalterno, das que catro están reservadas a persoas con discapacidade.

En total, entre as convocatorias de administrativo e subalterno, son 24 as prazas que se ofertan.

A finais de agosto convocáronse 24 prazas de auxiliar administrativo

A estas dúas convocatorias súmase a que xa emitiu o Concello da Coruña a finais de agosto, cando se abriu o prazo de presentación de solicitudes a outro proceso selectivo para a cobertura de 24 prazas de auxiliar administrativo, por quenda libre, ás que poden acceder todos os opositores que cumpran os requisitos.

Neste sentido, as 24 prazas de auxiliar administrativo correspóndense ao subgrupo C2 da escala de Administración xeral, subescala auxiliar. Cómpre destacar que, do total de prazas ofertadas, hai cinco reservadas especificamente á quenda de persoas con dispacidade.

Desta forma, entre os meses de agosto e setembro convócanse un total de 48 prazas entre administrativos, auxiliares administrativos e subalternos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario