O Pleno da Coruña aproba a creación da sociedade pública que xestionará a Cidade das TIC

por Redacción A Coruña

O pleno do Concello aprobou esta mañá por unanimidade o inicio do procedemento para a creación da sociedade pública que xestionará a Cidade das TIC entre Concello e Universidade da Coruña

O concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana e voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, destacou que a Cidade das TIC sempre foi un proxecto estratéxico para o Goberno de Inés Rey: “É un asunto primordial non só para o Goberno senón para toda a cidade ”.

De acordo coa posta en marcha da sociedade pública xestora da Cidade das TIC, o Concello da Coruña aprobou un modificativo de crédito por valor de 3,5 millóns de euros para diversos investimentos, entre os que se recolle a consignación de crédito do capital necesario para a creación de dita sociedade. O Concello da Coruña achega así un total de 336.600 euros, capital correspondente ao 51% das accións representativas da sociedade copartida coa UDC.

Outro dos investimentos destacados no modificativo de crédito correspóndese coa achega de 773.095 euros para o financiamento das obras da estación Intermodal, que inclúen a execución da terminal de autobuses, aparcadoiros, xunto con elementos comúns da intermodalidade. O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, anunciou que a alcaldesa xa asinou o convenio co MITMA para a transferencia de 9 millóns de euros para o financiamento da estación Intermodal: “Quero dar a coñecer a sinatura, por parte da nosa alcaldesa, do convenio co Ministerio de Transportes para que o Concello reciba 9 millóns de euros para financiar a estación Intermodal que tivo o pulo que se necesitaba baixo o primeiro mandato de Inés Rey”.

Tamén se recolle o financiamento do Concello aos proxectos do servizo de extinción de incendios co obxectivo de acometer distintas melloras. O concello achega así o 10% que completa o 90% financiado coas contribucións especiais a cargo da xestora de concertos. O modificativo, aprobado sen votos en contra, permitirá facer fronte tamén a outros gastos necesarios como consumos enerxéticos e persoal.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario