Ao Concello correspóndelle unha asignación de case 409.000 euros que se destinarían a financiamento de gasto corrente e a melloras viarias en Lestón
A Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno da Laracha reuniuse hoxe para someter a ditame dous asuntos que se elevarán ao Pleno extraordinario a celebrar o mércores da próxima semana.
A cuestión máis destacada consistiu na proposta de Alcaldía para destinar os fondos procedentes da segunda fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal “POS+ Adicional 2/2024” da Deputación da Coruña. Ao Concello da Laracha correspóndelle unha asignación de 408.959,83 euros. Desa cantidade, o goberno local proporá empregar 323.419,45 euros no financiamento de gasto corrente e os 85.540,38 euros restantes, máis unha achega municipal de 5.108,58 euros, para investimentos novos financeiramente sostibles.
Ditos investimentos serían dous proxectos de mellora da rede viaria na parroquia de Lestón. Un deles localízase no núcleo urbano de Paiosaco, consistente na renovación da capa de rodadura nas rúas dos Oleiros e Campo da Feira, contemplando tamén no espazo afectado polas obras o remarcado da sinalización horizontal, as prazas de estacionamento de vehículos e os postos da feira. O outro proxecto afectaría ao núcleo de O Cruceiro de Lestón, tamén incluíndo a mellora da superficie da vía e a sinalización horizontal.
Na Comisión Informativa tamén se abordou a proposta dos festivos locais para o ano 2025, que de alcanzarse o acordo plenario o próximo mércores quedarían fixados, como é tradicional no Concello da Laracha, no Martes de Entroido (4 de marzo) e no día da Romaría dos Milagres de Caión (8 de setembro).