Os senadores do PP desmenten ao Ministro Puente: “na provincia de Lugo o tren non está no seu mellor momento porque perdemos servizos con respecto a fai 10 anos”

por Redacción Galicia

Os populares advirten que a perda de servizos e frecuencias nos últimos anos supón un “prexuízo” para a mobilidade dos lucenses e para o impulso do Camiño Francés.

Os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- replican ao Ministro Puente tras afirmar que ‘o tren vive en España o mellor momento da súa historia’ asegurando que “na provincia de Lugo non é así. Non mellorou nada, senón que queda sen AVE e perde servizos: agora hai menos frecuencias que había fai 10 anos”.

Os populares reclaman unha oferta de servizos que responda á demanda real dos usuarios e denuncian, unha vez máis, “a perda de servizos ferroviarios na provincia nos últimos anos”. Así o manifestan dende a estación de tren de Sarria xunto a alcaldes e portavoces da comarca e dos municipios polos que pasa o Camiño Francés advertindo do “prexuízo que supón a supresión de servizos e frecuencias, non só para a mobilidade dos lucenses, senón para o impulso desta ruta do Camiño de Santiago”.

Concretamente, subliñan que “a supresión dos trens nocturnos afecta ao número de peregrinos que fan o Camiño Francés porque moitos viaxaban de noite e comezan o camiño de madrugada na localidade de Sarria, pero algúns deixan de facelo polas complicacións para chegar a Sarria por tren – a alternativa actual é viaxar ata Ourense e despois en autobús ata Sarria- e porque supón un custo maior”.

Os senadores do Partido Popular explicaron tamén que agardan explicacións do Goberno de Sánchez por escrito en relación ás preguntas rexistradas na Cámara Alta sobre a reposición dos servizos eliminados durante a pandemia (tren-hotel a Madrid e Barcelona, a unidade con Ponferrada polas mañás a través da liña Vigo-Guixar-Ourense-Monforte-Ponferrada ou o tren Arco directo Lugo-Bilbao), sobre o prazo que contempla o Goberno de Sánchez para a reapertura da liña Ourense-Monforte e se prevé compensacións aos usuarios pola falta de planificación das obras e o atraso na posta en servizo do corredor entre Lugo e Monforte.

DISCRIMINACIÓN Á PROVINCIA

“A perda de servizos ferroviarios non é un feito illado, senón que é un exemplo máis que evidencia a falta de compromiso do Goberno de Pedro Sánchez con Lugo en materia de infraestruturas” e que supón “unha discriminación para a provincia e os lucenses”, inciden os populares.

De feito, subliñan que “é case imposible comunicarse entre provincias e coacapital de España por autovía e dende fai tempo tamén é imposible conectarse por tren con Barcelona ou Madrid”.

SERVIZOS PERDIDOS

Moitas liñas ofertadas nos últimos anos na provincia pasaron de ser servizos directos a ser transbordos -que acostuman a ser máis caros-, deixou de operar un dos catro trens diarios de Lugo a Madrid, tampouco é posible desprazarse por ferrocarril a destinos que antes si eran posibles -País Vasco ou Cataluña- e, recentemente, Renfe suprimiu a conexión con Lugo do AVE que chega a Ourense ás 23.00 horas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario