Castiñeira: «Cajoto prefire que na residencia vivan persoas doutros lugares a veciños de Foz»

por 21 Noticias

O Partido Popular de Foz denuncia que a “neglixente” xestión do señor Cajoto a fronte do Concello está a provocar o abandono da residencia do municipio, “un servizo público no que o alcalde prefire que vivan persoas doutras localidades a veciños de Foz para así non ter que poñer nin un euro para este servizo, xa que prefire os fondos para custear os seus festíns electorais, como no ano 2023”.

O voceiro popular, Javier Castiñeira, afirma que a liña de traballo de Cajoto “abandonando este servizo, cústanos a todos os focenses 30.000€/mes (360.000e cada ano)”.

Un custo que podería ser moito menor se o alcalde tivese “a altura de miras suficiente” para sentarse a escoitar aos familiares dos usuarios da residencia que, conscientes da suba, propoñen a Cajoto unha fórmula para financiar esta suba entre ambas partes. “Se falase cos familiares e chegara a un acordo a suba sería moito menor do que está a pagar o alcalde cada mes”, anuncia.

Dende o PP insisten na súa proposta de crear unha residencia municipal para os focenses, pero “Cajoto segue inamovible na súa postura de non crear ningunha ou o que é peor facerlle a vida imposible aos usuarios e traballadores da actual”.

Unha situación que amosa ás claras o que quere o señor Cajoto: “Non quere que na residencia de Foz haxa veciños do noso municipio, pese a que todos os focenses queremos que esta residencia sexa, principalmente, para veciños de Foz e para iso ten que ser municipal”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario