O PP de Samos lamenta a “falta de xestión da alcaldesa” por “perder a axuda da Xunta para unha brigada contra incendios”

por Redacción Lugo

Gallego considera «incomprensible» que «o goberno local, en pleno verán, malgaste auga en baldear e regar xardineiras na vila, mentres algunhas parroquias se enfrontan a situacións de escaseza»

O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, móstrase unha vez máis crítico coa “falta de xestión da alcaldesa” porque “non se preocupou de nada e acabou perdendo unha brigada contra incendios forestais financiada pola Xunta”.

“A súa falta de traballo supón a perda de cinco empregos”, explica Gallego. Ademais, sinala que “o noso concello queda sen a oportunidade de que eses empregados realizaran labores de roza en pistas e zonas de monte. Nun concello rural coma o noso, onde boa parte do terreo forestal está cheo de silvas e maleza que fan que os camiños estean intransitables, este tipo de traballos son fundamentais para previr incendios”, engade o popular.

O voceiro do PP no municipio convida á rexedora nacionalista a “non dedicarse só a sacar fotos, senón que demostre con feitos o que tanto promete. Temos a sensación de que todo é pantalla e festas; pero traballo e xestión, nada”. Por iso, insta á alcaldesa a “xestionar debidamente as necesidades do Concello”.

Malgasto de auga

Gallego considera tamén “incomprensible” que, en pleno verán e con menos recursos de auga, “o goberno local continúa a malgastala: segue baldeando as rúas e regando grandes xardineiras na vila, mentres que veciños dalgunhas parroquias se enfrontan a situacións de escaseza de auga”. Os populares sinalan que se trata dun “recurso moi valioso que se debe preservar para evitar posibles cortes de subministro”.

O portavoz do PP conclúe que “este goberno non só non xestiona, senón que o pouco que fai é todo ao revés”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario