.O servizo municipal de conciliación Vacacións continúa prestándose no marco do Programa Harmoniza nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo e contando con 124 usuarios durante o verán, no período que vai do remate do pasado curso escolar e ata o inicio do próximo, previsto para o mércores da semana que vén.
Nos últimos días, e por iniciativa do Concello, os nenos realizaron o obradoiro ‘Murais pola Igualdade’ que tivo por finalidade introducir o concepto de igualdade entre homes e mulleres de forma amena, lúdica e participativa. En primeiro lugar, e sempre co acompañamento de monitores especializados, levouse a cabo unha charla sobre esa temática. A continuación formáronse os diferentes grupos de traballo de acordo ás idades dos rapaces asistentes e, por último, a actividade principal, consistente na realización dunha serie de murais plasmando en gran tamaño o deseño persoal que previamente os nenos fixeran sobre un folio.
Para coñecer o resultado do traballo realizado, o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Igualdade, Rocío López, e a técnica de igualdade, Alba Varela, visitaron as instalacións do CEIP Otero Pedrayo nas que se levaron a cabo as actividades.
O Programa Harmoniza, a través do que o Concello responde ás necesidades das familias derivadas das dificultades que presentan para poder compatibilizar os horarios laborais coa atención dos seus fillos, continuará funcionando tamén unha vez rematadas as vacacións de verán. Durante o curso escolar funciona Madruga desde as 7:00 horas nos tres centros de infantil e primaria, e tamén se ofrece o servizo Canguraxe, neste caso dirixido a familias con nenos de entre 4 meses e 12 anos de idade e que contempla un conxunto de tarefas centradas nos coidados básicos e atención a prestar nos domicilios para cubrir necesidades puntuais, non de carácter estable ou estrutural prolongadas no tempo.
Calquera persoa que desexe beneficiarse do Programa Harmoniza pode ampliar información ou solicitar a inscrición acudindo ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), situado no Edificio Administrativo da Laracha.