Estas intervencións suporán un investimento de máis de 1,2M€ e levaranse a cabo en 9 estradas autonómicas ao seu paso por 14 municipios da provincia.
A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para este mes de setembro e o vindeiro mes de novembro dos actos expropiatorios para a mellora da accesibilidade e conectividade de 40 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas das rutas de acceso á cidade de Ourense.
Esta actuación, ás que se destinarán máis de 1,2M€, enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente. Inclúen intervención en 14 municipios da provincia e en 9 estradas autonómicas.
Así, estes proxectos comprenden actuacións nos concellos de Barbadás, o Barco de Valdeorras, O Bolo, Castro Caldelas, Coles, Esgos, Larouco, Laza; Maceda, Ourense, Petín, A Rúa, Verín e Viana do Bolo; que se desenvolverán nas estradas da Xunta OU-101, OU-113, OU-121, OU-150, OU-533, OU-536, OU-540, OU-603 e OU-636.
En total os actos expropiatorios afectan a un total de 18 predios, que son necesarios para levar a cabo os traballos. A superficie de expropiación definitiva é de 555,99 m2.
En concreto, o DOG recolle o anuncio polo que se convocan os actos para o levantamento de actas previas á ocupación o día 24 de setembro no salón de plenos do Concello de Larouco, das 9,30 ás 12.00 horas; no salón de plenos do Concello do Bolo, das 10.30 ás 11.30 horas; e no salón de plenos do Concello de Viana do Bolo, das 12.30 ás 14.00 horas. O día 25 de setembro terá lugar no salón de plenos do Concello de Barbadás, das 9.30 ás 12.00 horas.
Posteriormente, o acto de formalización das actas de ocupación levaranse a cabo o día 7 de novembro nestes catro concellos. No salón de plenos do Concello de Larouco, das 9,30 ás 12.00 horas; no salón de plenos do Concello do Bolo, das 10.30 ás 11.30 horas; no salón de plenos do Concello de Viana do Bolo, das 12.30 ás 14.00 horas; e no salón de plenos do Concello de Barbadás, das 9.30 ás 12.00 horas.
As intervencións proxectadas
Con este proxecto trátase de intervir no ámbito das rutas de acceso á cidade de Ourense. Co fin de mellorar 6 paradas no municipio de Barbadás; 1 no Barco de Valdeorras; 5 no Bolo; 2 en Castro Caldelas; 1 en Coles; 2 en Esgos; 2 en Larouco; 1 en Laza; 1 en Maceda; 8 en Ourense; 2 en Petín; 2 na Rúa; 1 en Verín; e 6 en Viana do Bolo.
As actuacións consisten, entre outras, na mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como no acondicionamento dos itinerarios peonís na contorna das paradas.
As intervencións abranguen a colocación de refuxios de tipo rural e urbano, en función do lugar onde se encontre a parada, mellorando o equipamento, con postes, bancos ou apoio isquiático.
Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.
As obras incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.
Ademais levaranse a cabo traballos de reforzo do firme naqueles puntos nos que se instalen as citadas marquesiñas.
Con estas melloras preténdese fomentar o uso do transporte público, diminuíndo os movementos de corto e medio percorrido en transporte privado, con orixe e/ou destino nas cidades de maior poboación.
Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto mellorar 1.100 paradas en toda Galicia cun investimento de arredor de 35 M€.
Estes proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.