Equipo de Planificación Educativa no Rural: Un acordo sen melloras

Forma parte dos obxectivos da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural impulsar accións conxuntas orientadas á implementación dunha política atinada de desenvolvemento global do país, na que se incorpore un plan de educación específico para o rural galego (PEER). Precisamente para avanzar nesa última cuestión, a Rede creou en 2022 o grupo de traballo PEER, o cal, un ano despois, diversificou a súa actividade en varios equipos de traballo.

En concreto o denominado «Equipo de Planificación Educativa no Rural» elaborou a inicios de 2024 un documento reivindicativo dunha serie de medidas educativas para o rural que, no tocante especificamente a rateos para grupos internivel, casualmente coincidía no fundamental co «Acordo de agrupamentos do alumnado» que se establecera entre a Consellería de Educación e as organizacións sindicais o 10 de xullo de 2009, pero que nunca se chegou a aplicar.

Paralelamente a Consellería de Educación chegou a un novo acordo sobre rateos (o 11 de outubro de 2023, pero publicado en xaneiro de 2024) con varias organizacións sindicais, entre as que non figura a maioritaria en Galicia, moi crítica con este pacto, en parte debido a que, en referencia ás aulas nas que se escolarizase alumnado de diferentes niveis, ciclos e/ou etapas educativas, serían de aplicación unhas rateos menos ambiciosas que as sinaladas no acordo de 2009.

Facendo unha lectura posibilista da situación, e malia que o acordo de 2023 deixaba sen introducir outras medidas que tamén serían necesarias (por exemplo, non modificaba nada a situación en ESO, BAC, nin FP), a Rede celebrou as melloras que incluía, á par que se amosaba crítica cos prazos de aplicación e escéptica respecto da materialización do acordo na práctica.

Chegados a setembro de 2024, oito meses despois da publicación do acordo, a Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural difunde esta infografía para dar a coñecer á cidadanía algúns dos puntos dese acordo (metade superior da infografía) e para denunciar publicamente que non se está a cumprir.

Comparte éste artículo
No hay comentarios