A moción contempla destinar ese espazo a un parque público, tal e como xa se acordara en 2013 coa aprobación inicial do novo PXOM.
O BNG de Culleredo levará esta semana ao Pleno Municipal unha moción para protexer o Pazo dos Serrano, en Vilaboa, fronte ao Plan Especial de Reforma Interior (PERI) que tramita o Concello a iniciativa de Aliseda,
inmobiliaria propiedade da multinacional Blackstone e do Banco Santander. O acordo proposto procura rexeitar calquera modificación do ordenamento urbano neste conxunto histórico que contradiga o acordo
existente en 2013, durante a aprobación inicial do novo PXOM, no que se destinaba a un parque público. De prosperar a proposta, suporía tamén o inicio do procedemento para a súa declaración como Ben de Interese
Cultural.
O Pazo dos Serrano, como é coñecido popularmente pola veciñanza de Vilaboa, ou Villa Celina é un conxunto patrimonial que conforma o eixo central do Rueiro, un dos núcleos históricos da parroquia de Rutis. Un
conxunto perfectamente delimitado e indivisíbel que integra un edificio residencial, unha capela e incluso unha árbore senlleira, así catalogada pola Xunta de Galiza. Todo o conxunto representa un patrimonio que debe ser protexido e posto en valor, non só pola súa propia singularidade, máis tamén pola parte integral que supón do núcleo poboacional do que forma parte, cunhas características únicas no noso concello.
Así e todo, a Xunta de Goberno Local aprobou inicialemente o 11 de decembro de 2023 o Plan Especial de Reforma Interior (PERI) das Unidades de Actuación 58 e 59, en Vilaboa, nas que se integra o Pazo dos Serrano. O PERI aprobado inicialmente elimina a maior parte do conxunto do Pazo para ser ocupada con edificacións que desfiguran a tipoloxía das edificacións existentes, alterando gravemente o conxunto histórico que conforma o núcleo do Rueiro. O PERI aprobado inicialmente contradí o proxecto de PXOM aprobado inicialmente por acordo plenario no ano 2013, o cal prevé a protección do conxunto do Pazo dos Serrano e o seu destino ao Sistema Xeral de Equipamentos públicos.
Non son estas apreciacións propias nin únicas deste Grupo Municipal ou da veciñanza sensibilizada coa protección do patrimonio, mais tamén veñen recollidas a través de diferentes referencias legais que implican a protección deste conxunto, tales como a Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galiza, a Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago, ou o Decreto 110/2014, de delimitación do Camiño de Santiago Inglés.