O Grupo Popular salienta o paquete de medidas “sen precedentes” dispostas pola Xunta en apoio aos adegueiros e viticultores da Ribeira Sacra

por 21 Noticias

O deputado do Grupo Popular Juan Casares acusou hoxe ao BNG de “aparecer agora tentando comerciar coas dificultades dos produtores de viño da Ribeira Sacra, pero chegan tarde e trabucados xa que as viñas non aturan a politización”. Neste sentido, salientou o paquete de medidas “sen antecedentes” de apoio aos adegueiros e viticultores desta denominación de orixe disposto pola Xunta, como a orde para a destilación de crise, as axudas para a conservación da contorna paisaxística ou o plan de divulgación e promoción das oportunidades que ofrece a PAC a través do ecorrexime de cultivos leñosos en terreos con pendente.

“Isto vai de axudar ás persoas con dificultades habilitando medidas realistas, eficientes e legais”, manifestou o deputado popular, para criticar o oportunismo do BNG porque “nestes últimos anos vostedes nin estiveron, nin se lles agardou”. “Nin as cepas entenden de siglas, nin os bagos son pellets”, incidiu.

Juan Casares explicou que “desde a pandemia o sector vitivinícola, nomeadamente o viño tinto, vive unha crise que non ten selo galego, senón timbre internacional”. Así, concretou os motivos que levaron a esta situación: as condicións do mercado á baixa, cunha diminución do consumo e das exportacións; a mudanza nas preferencias do consumidor cara ós brancos, e o aumento do prezo do produto polos maiores prezos das materias primas.

SEN ALMACENAR E SEN COMERCIALIZAR

“Galicia non é allea a esta situación, nomeadamente a Ribeira Sacra, e hoxe un elevado número das súas adegas teñen un stock de viño que non lles permitirá elaborar este ano por non ter sitio físico onde almacenar e polas dificultades de comercialización, o que derivou no anuncio de que algunhas adegas non recollerán uva nesta vendima”, dixo

Diante desta situación, Casares destacou que o Goberno galego puxo en marcha un paquete de medidas de apoio para os adegueiros e viticultores da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, “medidas que buscan achegar solucións e que demostran o compromiso amplo e transversal da Xunta cun territorio, que axiña será Patrimonio da Humanidade pola Unesco”.

Entre as medidas dispostas pola Xunta, Juan Casares referiuse á orde para a destilación de crise, autorizada pola Comisión Europea, cunha dotación inicial de 500.000 euros, ampliable a 2,4 millóns de euros; e cun prezo taxado de 1,5 euros por litro, co obxectivo de facilitar a eliminación dos excedentes.

MEDIDAS ADAPTADAS Á REALIDADE PROPIA

En segundo lugar, a Xunta dispuxo as axudas para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, destinadas a preservar a paisaxe, evitando o abandono do cultivo e a desaparición dos socalcos. Está dotada con 2 millóns de euros e contempla achegas de 2.000 euros por hectárea para socalcos e de 1.000 euros por hectárea para parcelas mecanizables.

Pero tamén se dispuxo dun Plan de divulgación e promoción das oportunidades que ofrece a PAC a través do ecorréxime de cultivos leñosos en terreos con pendente, a través da que se pode obter un importe de 570 euros por hectárea; ou a convocatoria de novo das axudas do IGAPE para recollida de uva, que na pasada convocatoria facilitou o acceso a créditos por un valor de máis de 17 millóns de euros.

“Trátase dun conxunto de medidas adaptadas á nosa realidade propia e non importadas de territorios alleos, eficientes nos seus resultados e totalmente legais”, subliñou o deputado popular, quen incidiu que “non hai antecedentes dun apoio tan completo e específico para unha denominación de orixe, xa que a destilación de crise é a primeira vez que se convoca e as axudas para conservar a paisaxe hai que remontarse aos pasados anos 90 para atopar algo semellante”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario