O PSdeG esíxelle á Xunta libros de texto gratuítos, un transporte eficiente para bacharelato e FP e un plan para o ensino rural 

por 21 Noticias

O portavoz de Educación do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Julio Abalde, insistiu hoxe na necesidade de que os libros de texto sexan gratuítos no ensino obrigatorio público para garantir a igualdade entre o alumnado. O deputado do PSdeG esixiulle á Xunta que, unha vez que xa non é posible poñer en marcha esa medida este ano, o faga de cara ao vindeiro curso. Trátase tamén, dixo, de “corrixir unha situación de desigualdade con respecto a outras comunidades autónomas”.

Na súa defensa dunha moción do Grupo Socialista sobre o modelo de apoio aos gastos escolares, Abalde instou á Xunta a garantir un servizo de transporte escolar eficiente para facilitar o acceso ao sistema educativo público ao alumnado de bacharelato e formación profesional, “sobre todo nos casos nos que os estudantes deben desprazarse a outro concello”.

Por outra banda, formulou a proposta dun plan para o ensino no rural, para o que invitou á Xunta a desenvolver xa unha estratexia da man da comunidade educativa, contemplando todas as accións e recursos necesarios. O obxetivo é atallar as desigualdades que padecen tanto o alumnado coma o profesorado dos concellos máis pequenos, e “garantir unha educación de calidade, inclusiva e equitativa”.

Por último o deputado do PSdeG instou ao Goberno galego a asumir “todas as súas competencias no ámbito educativo”, para “liberar” aos concellos das cargas económicas das competencias impropias, como o mantemento de edificios educativos ou a posta a disposición dos centros de persoal municipal.

Abalde lamentou que o Grupo Popular se opuxese, cos votos en contra dos seus deputados, ás catro propostas incluídas na iniciativa, que mellorarían a vida e a renda de numerosas familias galegas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario