Sarabela estrea o 18 de setembro no Teatro Principal de Ourense “A cincenta que non quería comer perdices”

por Redacción Ourense

Esta historia, escrita por Nunila López Salamero, fala dunhamoza perdida que pretende desmontar os falsos mitos ao redor do amor romántico.

Esta mañá foi presentada una das obras máis salientables da programación semestral do Teatro Principal: a estrea nacional do último espectáculo de Sarabela Teatro, titulada “A cincenta que non quería comer perdices”, escrita por Nunila López Salamero, que conta co patrocinio da Deputación e da AGADIC. 

“A Cincenta que non quería comer perdices”, destinada a público familiar e maiores de 11 anos, representarase no Teatro Principal os días 18 e 19 de setembro, tal e como se anunciou na presentación desta mañá, na que participou o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a xefa do servizo de Coordinación Cultural de Ourense, Sandra Quintas; a directora da obra, Fina Calleja, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación, César Fernández, proclamou na presentación de “ A cincenta que non quería comer perdices” que “estamos ante unha peza que racha cos estereotipos que tanto dano lle fixeron á igualdade entre homes e mulleres. Por iso, obras como esta axudan a remover conciencias desde idades temperás”.

A directora da obra, Fina Calleja, explicou que esta autoprodución de Sarabela Teatro, basada no texto de Nunila López Salamero, “é un conto moderno para nenos e nenas que revisa con humor o papel que desempeñou a muller durante moito tempo. É un alegato que defende a liberdade de ser quen unha queira ser e como unha queira ser”. 

Sinopse 

Esta obra fálanos dunha moza perdida que pretende desmontar os falsos mitos ao redor do amor romántico, así como de tantas historias de princesas liberadas por príncipes azuis que, en demasiados casos, saen ras. Así, esta peza pon en cuestión o papel que xogaron na historia os contos de fadas nos que se acaba por promover o rol das nenas como entes pasivos agardando a que lles pidan a man. “A cincenta que non quería comer perdices” fala de temas tan de actualidade como a violencia de xénero, que segue sendo un problema entre os máis novos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario