Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, presentou esta actuación “única no mundo”, que terá lugar o próximo 21 de xuño.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá o espectáculo sinfónico de Great Straits e a Orquestra Sinfónica de Galicia, que se celebrará o vindeiro 21 de xuño de 2025 no Palacio da Ópera. O Goberno de Inés Rey colabora neste actuación «única no mundo» que recuperará os grandes clásicos de Dire Straits.
«A Coruña é unha cidade de grandes artistas musicais e un deles é Óscar Rosende, que é a persoa que mellor emula do mundo ao mestre da guitarra Mark Knopfler», sinalou Gonzalo Castro durante a presentación de ‘Dire Straits Symphonic’. O espectáculo fará un percorrido polos éxitos da banda nun formato e plantexamento únicos a nivel mundial, coa base de rock de Great Stratis e o acompañamento da prestixiosa Orquestra Sinfónica de Galicia.
Na presentación tamén estiveron presentes Óscar Rosende, líder de Great Straits, Andrés Lacasa, xerente da OSG, e José Trigueros, director da OSG para esta actuación especial. A estrea, o 21 de xuño, coincidirá co Día da Música. «A nosa Orquestra Sinfónica continúa amosando todo o seu potencial musical e unha extraordinaria maneira de adaptarse a calquera estilo e repertorio», celebrou Gonzalo Castro. Esta será a primeira vez que a OSG colabore cunha formación de rock, tras facelo anteriormente con formacións pop como Xoel López ou de música tradicional como Luar na Lubre.
As entradas para o concerto xa están á venda a través da plataforma Ataquilla e nas billeteiras da praza de Ourense e do Palacio da Ópera.