Os traballos comezaron coa explanación, o formigonado e os forxados das edificacións e o arranxo dos camiños perimetrais deste espazo público de lecer e natureza nos que a Deputación inviste 1,3M€ para poñer en valor o Centro Xeográfico galego co obxectivo de convertelo nun revulsivo económico e social
– José Tomé Roca: “As obras avanzan rápido e, se todo segue sobre o previsto, no primeiro trimestre do ano que vén poderemos poñer á disposición dos veciños e veciñas este espazo público de Nugallás que será un polo turístico”
–“É unha satisfacción poder facer realidade este proxecto que será importantísimo para a dinamización social e económica do noso concello”, sinalou Pilar García Porto, quen destacou o compromiso da institución provincial co municipio
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Antas de Ulla e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, veñen de supervisar o avance das obras do Parque Central de Galicia que a institución provincial ten en marcha no lugar de Nugallás, na parroquia ulloá de San Fiz de Amarante. Os traballos comezaron coa explanación, o formigonado e os forxados das edificacións, ademais do arranxo dos camiños perimetrais deste espazo público de lecer e natureza nos que a Deputación inviste 1,3M€ para poñer en valor o Centro Xeográfico galego co obxectivo de convertelo nun revulsivo económico e social.
“As obras avanzan rápido e, se todo segue sobre o previsto, no primeiro trimestre do ano que vén poderemos poñer á disposición dos veciños e veciñas este espazo público de Nugallás que será un polo turístico”, sinalou Tomé Roca. O mandatario provincial e a Alcaldesa, acompañados polos técnicos responsables da obra, realizaron unha visita aos terreos, cunha superficie aproximada de 20.000m2 para coñecer de primeira man como avanzan os aspectos urbanísticos e técnicos do proxecto.