O BNG insta o Ministerio de Transportes a executar o Plan de Puntualidade e pór en marcha unha planificación adecuada na venda de billetes, especialmente para o Nadal.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas para que o Goberno do Estado e, no concreto, o Ministerio de Transportes atenda a alta demanda dos servizos ferroviarios no Eixo Atlántico. A organización nacionalista reclama incorporar os trens de dobre composición para todos os servizos Eixo Atlántico ferroviario para atender a carencia de prazas que existe. Así mesmo, urxe a pór en marcha o Plan de Puntualidade, incorporando o incremento dos servizos, e realizar unha planificación adecuada na venda de billetes, especialmente para o período de Nadal abrindo a venda canto antes.
Unir dous trens para realizar o mesmo servizo aumentará a oferta semanal en máis de 7.300 prazas co que se poderán paliar os picos de demanda que se producen nas fins de semanas -especialmente venres e domingo- e algúns días da semana. O aumento de prazas, tan demandado polas persoas usuarias e o propio BNG, é imprescindíbel para o Eixo Atlántico ferroviario e a organización nacionalista chama a “dar canto antes un servizo adecuado ante o aumento de demanda co retorno dos estudantes e o reinicio da actividade laboral completa despois das vacacións estivais”.
“A medida é necesaria para aumentar o número de prazas nun dos corredores ferroviarios con maior demanda do Estado e debera aplicarse para reforzar o conxunto dos servizos diarios e non só nos picos de demanda. A falta de prazas no Eixo Atlántico é sobradamente coñecida e non se limita a momentos concretos, é algo estrutural” defende o deputado do BNG no Congreso.
De igual xeito, engade Rego, debe lembrarse que a falta de frecuencias nas franxas horarias da primeira hora, mediodía e tarde-noite é outra constante que acumula anos de reivindicacións e queixas de usuarios e usuarias.
Por outra parte, os retrasos, as incidencias e as avarías son outro dos problemas preocupantes nos servizos ferroviarios diarios como o Eixo Atlántico, a media distancia e os Avant para que non se repitan as situacións do curso pasado con meses de constantes demoras. “O Ministerio debe pór en marcha o Plan de Puntualidade, incorporando o incremento dos servizos” subliña Rego.
Substitución dos Alvia polos Avril e puntualidade nas conexións Galiza-Madrid
“Cando prevé a substitución dos trens Alvia polos trens da serie 106? Será posíbel antes de finalizar o ano?” pregunta o deputado nacionalista en iniciativas rexistradas para resposta escrita ao Goberno. Neste sentido, segundo as últimas informacións, o proceso de substitución dos Alvia polos novos trens Avril vaise retrasar debido aos problemas de fiabilidade e que xa non se producirá a inicios de outubro como estaba previsto. “É preciso, polo tanto, preguntar polo novo calendario que manexa o Ministerio para realizar esta substitución e de que medidas articulará mentres non se complete” explica.
Por último, o que sucede cos trens Avril na conexión de alta velocidade da Galiza coa Meseta é un problema distinto que non incide na vida diaria dos galegos e das galegas e que segundo explicou o propio Ministro de Transportes obedece á falla de fiabilidade dos trens da serie 106, as obras de ampliación da praia de vías en Chamartin e as incidencias no Intercambiador de Taboadela. Segundo datos da Xunta de Galiza, 90% dos trens Avril tiveron retrasos nos pasados meses, “unha situación que precisa de actuación urxente para darlle solución, ademais de atender á mobilidade diaria dos galegos e das galegas cuxas deficiencias, problemas e necesidades deben ser unha prioridade”.