O servizo aos tres concellos préstase dende as aulas exteriores do Colexio de Antas de Ulla, aínda que se trasladará próximamente á Casa da Cultura cando o espazo estea preparado. É totalmente gratuíto para as familias que fan uso do mesmo.
A atención temperá é un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos que ten por obxectivo dar resposta ás necesidades que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos.
«Trátase dun servizo fundamental para a cativada da zona, e dende a Comisión Mixta do servizo, integrada por persoal do mesmo e por membros das corporacións municipais dos tres concellos, facemos unha valoración moi positiva do seu labor», sinala a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto.
A Comisión Mixta do Servizo de Atención Temperá de Antas de Ulla, Monterroso e Portomarín reuniuse hoxe, mércores 11 de setembro, para analizar o funcionamento do servizo e planificar a súa actividade neste novo curso.
Dos 56 casos atendidos no último ano, 23 eran nenas e 33 eran nenos. 32 procedían de Monterroso, 19 de Antas de Ulla, e 5 de Portomarín. A idade media da cativada atendida foi de 44,8 meses.
O servizo conta con diferentes profesionais en áreas como a psicoloxía, a logopedia, a educación infantil ou a terapia ocupacional. 15 dos casos atendidos foron por problemas de fala ou linguaxe, 9 por problemas afectivo-emocionais, 8 por demora no desenvolvemento e 6 por problemas sindrómicos.
Outros casos atendidos debéronse a problemas de conduta, problemas de hábitos, problemas cognitivos, sensoriais ou motrices e outros motivos. 21 dos casos foron detectados no sistema sanitario, 15 nas familias, 11 nos colexios e 9 nos servizos sociais.