O PP de Foz denuncia a falta de xestión do equipo de goberno ante o inicio do curso escolar ao ter abandonado o mantemento das marquesiñas que hai no rural

 “Os veciños acoden ao equipo de goberno e ninguén os escoita polo que, debido a esta deixadez, en moitos casos son os propios pais e nais dos nenos os que fan os traballos de rozado e limpeza destas marquesiñas”, lamenta a concelleira popular, Laura Riveira.

O Partido Popular de Foz denuncia a falta de xestión do equipo de goberno ante o inicio do curso escolar ao ter abandonado o mantemento das marquesiñas que hai no rural. Un dos exemplos está no barrio de Ribela, na parroquia de Cangas, no que esta instalación está chea de sucidade e maleza o que impide que os nenos a utilicen para esperar o autobús.

“O peor xa non é o total abandono das parroquias senón que os veciños acoden ao equipo de goberno para denunciar esta circunstancia e ninguén os escoita polo que, debido a esta deixadez, en moitos casos son os propios pais e nais dos nenos os que fan os traballos de rozado e limpeza para poder usar estas marquesiñas”, lamenta a concelleira popular, Laura Riveira.

“Isto é unha auténtica vergoña polo que tanto PSOE como BNG deberían pedir perdón aos veciños pola nefasta programación deste inicio de curso escolar”, finaliza Laura Riveira.

Comparte éste artículo
No hay comentarios