Presentación da III Festa da Tinería

por 21 Noticias

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta tarde na presentación da III Festa da Tinería que a asociación de empresarios Itineris recupera o vindeiro sábado día 14, despois de catro anos sen celebrarse, co obxectivo de poñer en valor este barrio histórico da capital lucense.

O festexo, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, inclúe actividades para todos os públicos desde as 12.00 horas ata as 23.00 horas. A música terá un papel protagonista, con actuacións en directo de bandas locais e doutros puntos da xeografía galega como Virtua Tenis, Gin Toni’s, Malenne ou La Disquetera.

Durante a xornada as rúas da Tinería acollerán tamén un mercado, con postos de artesáns e deseñadores da provincia, e a celebración dunha xincana, que percorrerá os diferentes establecementos do barrio co fin de promover o coñecemento dos negocios locais e rematará cun premio final para os participantes.

Javier Arias felicitou á Asociación de empresarios Itineris por impulsar esta iniciativa, «que se suma ao compromiso e o esforzo da Xunta de Galicia para avanzar de xeito paralelo na rehabilitación urbanística e na recuperación económica, social e cultural deste barrio emblemático de Lugo».

 O delegado territorial destacou o «importante investimento» que o Goberno galego está a facer en vivenda pública e rehabilitación na zona da Tinería, «con máis de 26M€ investidos e 40 edificios rehabilitados, que albergan 96 vivendas e unha vintena de locais». Lembrou tamén a colaboración do Goberno galego co Grupo Etnográfico Traxandaina para impulsar un centro de interpretación do traxe tradicional galego no barrio.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario