O PP condena a «hipocrisía» do PSOE de Trabada: «pecha o PAI, pero protesta por un servizo que si se presta»

por 21 Noticias

O goberno local de Trabada vén de pechar o Punto de Atención á Infancia por non ter nenos suficientes para manter en funcionamento este servizo.

O Partido Popular condena a “hipocrisía” do PSOE de Trabada: “pecha o PAI, pero protesta por un servizo que si se presta”. O goberno local de Trabada vén de pechar o Punto de Atención á Infancia (PAI) por non ter os nenos suficientes para manter en funcionamento este servizo, pero protesta por un servizo que si que dá a Xunta de Galicia, o de Atención Primaria, ao contar coa praza de médico que corresponde por ratio de poboación.

“Aínda que, obviamente, a todos nos gustaría ter máis médicos e que desde o PP de Trabada sempre loitaremos para que todos os trabadenses teñan os mellores servizos públicos, hai que lembrar que a Xunta está a cumprir coa ratio que lle corresponde ao centro de saúde do municipio”.

E, “ante a escaseza de médicos que sofre toda España, queremos volver a dicirlles aos veciños de Trabada que a consellería de Sanidade está a facer un esforzo moi grande para que haxa persoal en todo o horario de atención dos centros sanitarios”, sinala o voceiro popular, José María Fernández.

O popular pídelle ao “PSOE de Trabada que lle reclame ao Goberno de Pedro Sánchez unha solución ao problema de falta de médicos que afecta a todas as comunidades autónomas e que permita aumentar as prazas MIR para poder formar máis médicos de Atención Primaria”.

Así, aclara que “é o Goberno central o que non facilita que se poidan contratar máis médicos. E cando a Xunta toma medidas para garantir a asistencia sanitaria aos galegos, o PSOE e o BNG votan en contra”. Socialistas e nacionalistas votaron en contra da Lei de medidas extraordinarias para postos sanitarios de difícil cobertura no pleno do 24 de outubro de 2022 do Parlamento galego.

PLAN DE COBERTURA NO VERÁN

Ante a falta de médicos, a Xunta puxo en marcha o Plan de cobertura de necesidades de persoal médico en Atención Primaria durante o verán cun investimento de 12,5 millóns de euros con medidas ordinarias e extraordinarias coas que “xestionar da mellor forma posible os recursos existentes” para garantir a calidade da asistencia sanitaria a todos os galegos.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario