A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu esta mañá a presentación das actividades deportivas que se van desenvolver ao longo deste mes na cidade dentro dos actos de celebración do Bicentenario da Policía Nacional, que contan co apoio do Goberno galego. No acto participaron o delegado territorial, Javier Arias, e o comisario xefe da Policía Nacional en Lugo, Luis Miguel Romera.
Na presentación aproveitouse para facer entrega dos trofeos aos tres primeiros clasificados no torneo de pádel, que se celebrou entre o 9 e o 13 de setembro. Os premios recaeron -por orde de clasificación- nos policías nacionais Pedro López e Manuel José Mella, e en Armán Bergantiños, convidado ao torneo.
As actividades deportivas retomaranse o vindeiro día 23, con un torneo de fútbol; ao día seguinte disputarase o campionato de tiro policial; o 26 desenvolverase unha carreira de relevos e unha carreira en bicicleta; o día 27 celebrarase o torno de baloncesto 3×3; e as actividades rematarán o día 30 co campionato de mus. Nas actividades participarán principalmente membros dos diferentes corpos policiais con presenza na provincia.
O delegado territorial aproveitou para felicitar á Policía Nacional polos seus 200 anos de historia, destacando o seu espírito de servizo e importante papel en materia de seguridade, e reiterou a vontade do Goberno galego de manter a colaboración e seguir traballando de forma coordinada nos ámbitos nos que existen competencias comúns.