Alfonso Villares participa no peche da campaña de promoción e incentivo ao consumo dos produtos pesqueiros, impulsada por Interfish España

por Redacción Galicia

A iniciativa, apoiada pola Xunta de Galicia, enmárcase no obxectivo da Consellería do Mar de achegar á poboación o potencial nutricional dos alimentos que saen da nosa costa, así como da súa versatilidade gastronómica e sostibilidade da frota.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participará o próximo martes, 17 de setembro, no acto de peche da campaña de promoción e incentivo ao consumo de especies pesqueiras organizado por Interfish España, en Sevilla. Esta iniciativa, apoiada pola Xunta de Galicia, enmárcase no obxectivo do departamento que dirixe Villares de concienciar á poboación do potencial nutricional dos produtos que saen da nosa costa, así como da súa versatilidade gastronómica e sostibilidade da frota.

Para o desenvolvemento desta iniciativa a organización céntrase en tres especies moi concretas, que son o marraxo, a tintoreta e o peixe espada, e optou  polos meses de agosto e setembro, co fin de aproveitar a época do ano de maior consumo, ao coincidir co incremento poboacional no litoral polo turismo.

Programa do encontro

O relatorio será inaugurado ás 20,00 horas polo presidente de Interfish-España, Carlos Martín Fragueiro. Seguidamente, terá lugar a presentación da campaña e visionado do material audiovisual promocional e continuará coas intervencións do conselleiro do Mar da Xunta de Galicia e dun representante do ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. O encontro rematará cun showcooking e unha degustación de receitas de tintoreta, marraxo e peixe espada.

Interfish, a interporofesional da pesca en España, está integrada polas OPP palangreiras (Orpagu, Opnapa, Opromar e a OPP Burela), ademais da industria transformadora, a través de Conxemar.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario