A alcaldesa participou na presentación xunto ao ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo.
A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá na presentación do Anuario de Economía 2024 do Foro Económico de Galicia. O acto tivo lugar no auditorio da Sede Afundación e contou coa presenza do ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo.
Inés Rey destacou na súa intervención a necesidade de ampliar os recursos para os municipios. «Apostar polo benestar pasa por potenciar os medios destinados ao primeiro escalón da pirámide do Estado, o municipal, o máis achegado á cidadanía», indicou a rexedora, que felicitou aos diferentes autores que participaron na elaboración deste Anuario 2024. Rey destacou que A Coruña «é o gran motor económico de Galicia», xa que a comarca é a primeira do país en valor engadido bruto xerado, con 5.524 empresas, 40.265 millóns de euros de ingresos e case un 30% do emprego galego.
No acto tamén participaron a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago, o conselleiro delegado de JEALSA e representante do comité empresarial do Foro Económico de Galicia, Jesús Alonso, o editor do Anuario 2024, José Luis Gómez, e o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet.
Rey indicou que, fronte á desinformación cada vez máis presente no día a día, fan falta datos e análises como o que propón este Anuario de Economía 2024. No documento, diferentes expertos abordan cuestións como Galicia no contexto global ou as novas regras fiscais nos diferentes ámbitos administrativos. Nese sentido, Rey sinalou a necesidade de contar desde as cidades con apoio do Goberno central e autonómico en diferentes ámbitos: «Sabemos do apoio que nos presta o Goberno e sempre temos a man tendida á Xunta, que empeza a dar froitos en cuestións importantes como a fachada marítima, porque a prosperidade de Galicia non se pode entender sen o papel central da Coruña, a súa capital económica, social e cultural».
Rey valorou moi positivamente os avances acadados nestes últimos cinco anos na cidade, onde se puxeron en marcha proxectos estratéxicos como a Cidade das TIC e que acadou ser a sede da AESIA. Tamén destacou as numerosas melloras que repercutiron directamente na cidadanía, como o desenvolvemento de BiciCoruña e a humanización de diferentes espazos. «O dinamismo económico da cidade debe acompañarse dun modelo urbano que mire ás grandes cidades europeas e siga a súa liña», indicou Rey.