A eurodeputada do BNG acusa aos populares de manobrar contra os intereses medioambientais, económicos e sociais de Galicia.
A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, acusa ao deputados populares no Parlamento Europeo de manobrar na Comisión de Peticións para que as denuncias presentadas contra a instalación da planta Altri en Palas de Rei non sexan debatidas nesta Comisión o vindeiro 3 de outubro por vía de urxencia, tal e como aprobou a propia comisión parlamentar na súa reunión do pasado 4 de setembro, a petición da eurodeputada do BNG como coordinadora do grupo ao que pertence o BNG na Eurocámara.
“É un escándalo que os deputados que se din galegos e que votan en Madrid, manobrenás costas contra os intereses económicos, medioambientais e sociais de Galiza, mesmo sen ser membros de dita comisión parlamentar”, subliña a eurodeputada do BNG tras coñecer os intentos do PP galego e español no Parlamento Europeo para que as voces dos peticionarios que presentaron as denuncias contra Altri non sexan escoitadas na Eurocámara. Segundo denuncia Miranda “a tentativa de manipulación que están facendo é contraria a que a cidadanía galega veña a comparecer e ser escoitada na Eurocámara”, quen considera que “está claro que os deputados do PP prefiren escoitar ás multinacionais que aos membros da Plataforma Ulloa Viva, que presentaron esta denuncia no mes de xullo”.
Altri Non en Galiza e Bruxelas
Segundo destaca a eurodeputada galega, a comparecencia dos representantes das plataformas contrarias á instalación de Altri o vindeiro 3 de outubro permitirá explicar novamente en Bruxelas as repercusións negativas desta planta, entre as que se atopan diversas vulneracións medioambientais, posto que Altri pretende verter auga no río Ulla e no encoro de Portodemouros, así como a afectación da Rede Natura (ZEC Serra del Careón, ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza e ZEC Sobreirais del Arnego), que tería como consecuencia a destrución de zonas de especial protección nas que existen especies endémicas.
En concreto, Altri prevé que a súa planta consuma 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano, co risco que supón de aumento de incendios, e 46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Portodemouros. Deste total de auga verterá 30 millóns de litroscontaminados ao río Ulla, a unha temperatura de entre 27º e 29º, que afectaría irremediablemente á flora e fauna da zona.
“Non podemos permitir que o PP destrúa o noso territorio, nin que este proxecto reciba fondos europeos, polo que tanto en Galiza como en Bruxelas seguiremos dicindo AltriNon”, conclúe a eurodeputada galega, quen no mes de abril organizou un encontro entre os colectivos afectados e representantes da Comisión Europea.